Home » coruna » Currently Reading:

O Concello asina coa Deputación un convenio para o financiamento de máis de 40 concertos da Orquestra Sinfónica de Galicia na cidade e na provincia durante a presente tempada

julio 10, 2018 coruna No Comments

O alcalde, Xulio Ferreiro, asinou un convenio co presidente e coa vicepresidenta da Deputación provincial, Valentín González e Goretti Sanmartín, para o cofinanciamento de máis de corenta concertos da Orquestra Sinfónica de Galicia na cidade e no resto da provincia. O acordo entre ambas administracións, que forman parte do Consorcio para a Promoción da Música do que depende a orquestra, ten como obxectivos “a promoción da cultura a través da música, facilitar o acceso da cidadanía á música de calidade e mellorar a ensinanza musical e a formación das novas xeracións de intérpretes”. A Deputación da Coruña achega, mediante subvención nominativa, 1,5 millóns de euros para a realización de concertos e outras actividades, que se celebran ao longo do presente ano.

“A Orquestra Sinfónica de Galicia, unha das máis prestixiosas do Estado, é unha mostra da pluralidade e talento que ten o tecido cultural da cidade, e con este convenio permitirmos que tanto as persoas abonadas como moito outro público que non ten ou non pode ter un acceso fácil a manifestacións artísticas deste nivel gocen das súas actuacións”, indicou Ferreiro. Neste sentido, o rexedor salientou que a programación descentralizada da Orquestra Sinfónica e das súas formacións máis nova incide na liña de traballo municipal, posta en marcha pola área de Culturas, Deporte de Coñecemento, de abrir e aproximar o feito artístico á cidadanía e de democratizar o acceso á cultura. “Como institución pública e de proximidade é importante garantir a dimensión social desta proposta, apostar porque esta programación musical favoreza tamén a creación de novos públicos”, apuntou. Un obxectivo no que coincidiron tanto González Formoso, quen destacou que o convenio “serve para achegar a oferta da orquestra a localidades pequenas que non poderían ter esta oportunidade senón fose polo convenio”, como Sanmartín, que resaltou o labor formativo que realiza o conxunto, tanto na posibilidade de formar novos públicos como con obradoiros especializados nos centros de ensino.

A Orquestra Sinfónica de Galicia ten programados 30 concertos na Coruña dentro da tempada regular, aos que hai que sumar outros extraordinarios en datas por determinar. Ademais, a súa actividade na provincia, para a que hai pechados 10 concertos iniciais, amplíase este ano, xa que tocará en Sada por primeira vez, e mantén concertos en Santiago, Ferrol –onde actuará catro veces–, e Betanzos, así como noutros concellos por determinar. O impulso á formación de novas e novos músicos recóllese no respaldo ás actividades da Orquestra Nova, a Orquestra de Nenos e o Coro Novo e os Nenos cantores, que actuarán en diversos puntos da provincia.

Comment on this Article: