Home » coruna » Currently Reading:

O Concello asina con Iberia e a Cámara un protocolo para promocionar a cidade como destino de investimentos empresariais, turismo e congresos nos enlaces aéreos

junio 9, 2017 coruna No Comments

O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, subscribiu un protocolo de colaboración entre o Consorcio de Turismo da Coruña –do que é presidente–, a Cámara de Comercio da Coruña e Iberia para a promoción da Coruña como destino de investimentos empresariais, de turismo e congresos, a través dos medios de comunicación escrita e audiovisuais da compañía aérea, como son as revistas Ronda e Excelente ou dun concurso nas súas redes sociais. O acordo pon en valor o “medio excepcional” que compoñen as canles de comunicación, publicidade e marketing dos que se vale Iberia “como base e soporte de diversas accións, subseguintes e complementarias e accións destinadas á promoción e difusión turística, cultural, industrial e comercial da cidade da Coruña como destino de investimentos”. “Este convenio é especialmente destacable e vén a consolidar unha relación da que tamén forma parte a operatividade das conexións da Coruña con Madrid”, indicou o responsable municipal en referencia ao compromiso por parte de Iberia de manter os voos cos que a compañía enlaza A Coruña con múltiples destinos, “tanto de forma directa como en conexión”.

O protocolo, que o concelleiro de Emprego e Economía Social asinou esta mañá co presidente da Cámara da Coruña, Antonio Couceiro, o director de Ventas España de Iberia, Víctor Moneo, e o director de Comunicación e Relacións Institucionais de Iberia, Juan Cierco, explicita a oportunidade de establecer accións de colaboración, “que reforcen a imaxe da Coruña, usando como medio tanto a publicidade como as rutas e frecuencias e colaborando todas as partes en mellorar o atractivo da cidade como destino turístico, comercial, industrial ou cultural en diferentes mercados”, así como a potenciación de determinadas actividades, eventos ou oportunidades empresariais relacionadas coa Coruña, “especialmente aqueles cos que a cidade estea directamente conectada, ou con destinos ou puntos de orixe nacional ou internacional, por vía aérea”.

No marco da rolda de prensa, posterior á firma do convenio, –na que, ademais dos asinantes, tamén estaba presente Gonzalo Ortiz, director xeral da Cámara– o concelleiro de Emprego destacou a necesidade de que AENA dote ao aeroporto de Alvedro “dos investimentos necesarios”. “Entendemos que o noso aeroporto conta cunha serie de desvantaxes competitivas respecto ás terminais da súa contorna que radica nas dificultades de aterraxe nunha das súas pistas, e iso debería plasmarse nun maior investimento no aeroporto”. “Non obstante, o investimento que recibimos é comparativamente máis baixo”, destacou. “Tanto o Concello, como neste caso a Cámara de Comercio debemos ter unha soa voz para reclamarlle a AENA que estimule e impulse as ferramentas necesarias para que A Coruña teña o aeroporto que se merece”, dixo, á vez que salientou o crecemento que está experimentar Alvedro “a pesar das dificultades”. “Levamos 13 meses de crecemento e seguiremos medrando nos resultados do mes de maio, polo que cremos que a nosa aposta por reforzar as conexións con Barcelona e manter a operatividade con Madrid está a dar resultado”, salientou.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...