Home » coruna » Currently Reading:

O Concello asina con representantes sindicais da Policía Local o acordo para a recuperación de dereitos salariais do colectivo, “unha prioridade que se marcou o Goberno local dende o primeiro día”

junio 17, 2018 coruna No Comments

A concelleira de Igualdade e Diversidade, e con competencias en Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, e a edil de Facenda, Eugenia Vieito, asinaron un acordo coas persoas representantes dos sindicatos CSIF, CCOO e UXT da Policía Local do Concello para a recuperación das retribucións minoradas a este persoal funcionario como consecuencia da suspensión do acordo para a aplicación da Lei de coordinación de policías locais aprobado o 4 de decembro de 2009 en Xunta do Goberno local. “Esta sinatura supón que este colectivo vai recuperar unha parte importante dos dereitos que perdeu como consecuencia da aplicación da Ley de Estabilidad Presupuestaria imposta polo Goberno do Partido Popular no Estado, xa que recuperamos un acordo que quedara en suspenso en 2012”, indica a responsable de Facenda, Eugenia Vieito, cuxo departamento traballou coa Asesoría Xurídica municipal ata atopar unha disposición adicional na lei de orzamentos do Estado do pasado ano que permite aos concellos que cumpran coa regra de gasto e os obxectivos de déficit e débeda restablecer as contías previas á minorización de 2012. A Xunta do Goberno local aprobou o restablecemento do acordo de 2009, que comezará a aplicarse no mes de setembro con efectos retroactivos dende o 1 de xullo, unha vez se produza a modificación da relación de postos de traballo no Concello. “Este goberno comprometeuse dende o primeiro día a tomar este asunto como unha prioridade e así se fixo. Este acordo abre tamén un período no que sentarnos a falar doutras melloras que se poidan acadar para este colectivo”, indicou Fraga.

O acordo, segundo apuntou a concelleira, contempla tamén que ambas partes continuarán as conversas para acadar “a recuperación total dos dereitos laborais” na Mesa Xeral de Negociación, “porque existe un interese mutuo en avanzar na mellora da situación laboral do persoal ao servizo da Administración pública”. “Neste caso, temos outras reivindicacións xerais, como as referidas á valoración dos postos de traballo e as categorías, ou outras máis concretas sobre as quendas que se tratarán en mesas técnicas específicas”, sinalou a edil Eugenia Vieito. A concelleira salientou que este acordo “vén a afondar na liña que segue este Goberno local para a recuperación de dereitos do persoal funcionario”. “Seguimos na liña de recuperación de dereitos perdidos, dereitos en xeral de todo o persoal ao servizo das administracións públicas, como ocorreu co restablecemento da semana de vacacións por antigüidade. Este é outro un fito moi importante e que demostra que nós tratamos de reverter as políticas austericidas do Goberno central, na medida das nosas competencias, que son sempre limitadas, e están condicionadas polas normas estatais”, recalcou Vieito. A responsable de Facenda amosou tamén o seu desexo de que “muden as tornas do ministerio e que co cambio de Montoro a Montero se nos permita poder avanzar nesta superación de recortes”. Ao fío das vías abertas polo Goberno local para contrarrestar as limitacións impostas pola Administración central, Fraga indicou que o Concello “estivo explorando diferentes vías, pero que xuridicamente tiñan moitas máis complexidades”. “Existe unha advertencia do interventor municipal ao respecto, que é unha opinión xurídica e que non supón reparo ou un obstáculo para a súa aprobación, pero esta solución conta co respaldo da Asesoría Xurídica, o que nos dá a seguridade para continuar adiante e elevar o acordo á Xunta do Goberno local”, explicou Fraga.

O documento asinado esta recolle tamén a suspensión das mobilizacións e protestas da Policía Local e reafirma a “vontade común” de que este servizo se preste “en condicións óptimas de eficacia”.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...