Home » coruna » Currently Reading:

O Concello asina o convenio con Ecoembes que permitirá iniciar as obras para a mellora de recuperación de envases na planta de Nostián

Junio 3, 2017 coruna No Comments

A concelleira de Medio Ambiente, María García, asinou con Ecoembes –a asociación que engloba as empresas envasadoras de produtos a nivel estatal– e a UTE Albada –como concesionaria municipal– o convenio necesario para posibilitar o inicio das obras na planta de Nostián que a Xunta de Galicia acordou realizar para mellorar a recuperación de envases, en compensación pola baixada do importe por envase recuperado –dun 15%– que o Goberno autonómico fixo efectiva a inicio deste ano. Esta sinatura, que, como sinala a responsable municipal, é a fórmula xurídica necesaria que permite o investimento na planta, realizouse o mesmo día no que a Consellería de Medio Ambiente da Xunta convocou a comisión de seguimento do convenio marco entre Ecoembes e a propia Xunta –documento no que se estipula, tanto a baixada de prezo desta clase de residuos como a compensación a través da obra de Nostián–, “un paso que levabamos reclamando e polo que agardabamos para poder axilizar as actuacións na planta, cuxo atraso está a causar cuantiosas perdas tanto á Coruña como aos concellos do Consorcio das Mariñas, pola baixada de ingresos que reciben pola recuperación de envases e plástico film”. Con todo, e como fai notar García, pese que o Goberno local apurou ao máximo para realizar estes trámites para que a obra poida licitarse, estes non podían iniciarse sen a convocatoria, por parte da Xunta, da comisión de seguimento, que autoriza as actuacións de Ecoembes en Nostián. As obras teñen unha previsión de seis meses, de xeito que tanto o Concello como o Consorcio acusarán as perdas derivadas da rebaixa do prezo dos envases durante todo este ano, cuantificadas nun mínimo de 1,2 millóns de euros, dado que a perda de ingresos supera ao mes os 100.000 euros.

“Levamos desde xuño do ano pasado alertando desta situación, pero a Xunta non quixo poñer en tempo a solución ao procedemento, e meses despois nos pasa a pelota para solucionar un proceso complexo, como é a licitación desta obra, cando a decisión foi unilateral deles e a determinación dos prazos tamén foi da Xunta de Galicia”, censurou García, que esta mañá acudiu á convocatoria da Xunta para “poñer fin a este duro proceso de negociación”. “A Consellería de Medio Ambiente da Xunta debería estar actuando con maior lealdade e maior dilixencia, apoiando a unha administración local na xestión dos residuos, xa que tería que defender os intereses dos concellos e non das empresas envasadoras, algo no que na Xunta, ata o momento, fallo”, lamentou, recordando que o investimento de 600.000 euros que a Xunta estableceu para Nostián non é senón “unha compensación polo descenso do pago por envases recuperados, para compensar esa baixada, que en ningún momento compensa as perdas”. “O lóxico tería sido que a redución de ingresos entrase en vigor unha vez realizadas as obras, que se fan para mellorar a capacidade de recuperación, como así o vimos pedindo desde 2016 nas diferentes alegación que se fixeron desde a Coruña e desde o Consorcio, unha demanda que, como se ve, non se atendeu, nin en tempo nin en forma”, incidiu. Como tamén quixo salientar García, tanto A Coruña como os concellos do Consorcio son, a través de Nostián, quen máis está a reciclar nesta materia a nivel Galicia. “Entendemos a actitude da Consellería de Medio Ambiente penaliza a quen o fai ben”, criticou.

Por outra banda, e preguntada polos medios polo selado de dous vasos da planta de Nostián, a concelleira recordou que as obras competen a Albada e que é a Xunta, “como administración competente nesta materia neste tipo de instalacións”, quen debe velar polo cumprimento de esta obriga, que está pendente desde o ano 2007. “Este vertedoiro supón unha das principais fontes de gases de efecto invernadoiro da cidade despois do tráfico rodado”, advertiu a responsable municipal, quen volver reclamar á Xunta que faga cumprir o selado, tal e como lle vén reclamando o Goberno local nos últimos dous anos a través de distintos requirimentos, “para poñer fin a unha década de inacción”.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...