Home » Ayuntamiento » Currently Reading:

O Concello asina un convenio de colaboración con Mulleres Colleiteiras para favorecer a contratación dunha persoa responsable da xestión da cooperativa

mayo 7, 2018 Ayuntamiento No Comments

​A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e a presidenta de Mulleres Colleiteiras Sociedade Cooperativa Galega, Violeta Romero Gabarri, asinaron o convenio que establece o marco de colaboración entre a administración local e a entidade social coa finalidade de outorgar unha subvención de carácter nominativo para a contratación dunha persoa responsable da xestión da cooperativa, que se dedica á reciclaxe de aceite doméstico e que está formada por mulleres que se atopaban en situación de vulnerabilidade. Como expón a responsable municipal, a medida favorecerá a creación dun posto de traballo remunerado a xornada completa que permitirá a Mulleres Colleiteras desenvolver a súa actividade que, considera, “de interese social para o conxunto da comunidade”. “Estamos a falar dunha entidade que, a través do traballo das persoas que a integran, produce en comúns bens e servizos para terceiros, á vez que mellora a súa calidade e condición de vida”, apunta a concelleira, quen destaca que este novo convenio “afonda no compromiso do executivo coruñés polo incremento do emprego feminino así como por acompañar e favorecer a posta en marcha de proxectos de economía social na cidade”.

Así, a través do acordo subscrito, o Concello achegará 25.000 euros para a contratación dunha persoa encargada da cooperativa que, actualmente, é a responsable da recollida e xestión dos residuos domésticos derivados do uso de aceites vexetais nos contedores habilitados para tal fin no termo municipal. Actualmente A Coruña conta con 42 depósitos especiais –que chegarán até 62 no presente exercicio, algúns deles por proposta veciñal dos Orzamentos Participativos– que están situados ao carón de centros cívicos, mercados municipais e outros equipamentos de uso habitual por parte da veciñanza. Desde a súa posta en marcha en xullo de 2016, na cidade cuadriplicouse o aceite recollido, pasando dos 1.100 litros até os 4.400 recollidos no pasado 2017.

Ademais da recollida do aceite, entre as actividades que desenvolve Mulleres Colleiteiras, están o transvase e almacenamento do residuo, a súa separación e clasificación, a valorización e procesado e a venda para a súa reutilización en caldeiras de biodiesel. “Este proceso sociolaboral ten continuidade, ademais, coa realización de charlas e obradoiros vinculados á reciclaxe”, sinala Rocío Fraga. “Esta subvención permitirá a consolidación dun posto de traballo responsable da boa marcha dunha entidade que está a demostrar o fundamental que é acompañar, desde a administración máis próxima á mesma, a creación e fomento de itinerarios de inserción sociolaboral mediante iniciativas de autoemprego”, puntualiza a concelleira.

Comment on this Article:







*