Home » coruna » Currently Reading:

O Concello avanza no seu plan de expansión do arborado coa plantación de máis de 630 novos exemplares, “iniciativa que forma parte da estratexia municipal contra o cambio climático e que mellorará a calidade do espazo público”

noviembre 18, 2017 coruna No Comments

A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou esta mañá a segunda fase do Plan de Expansión de Arborado do goberno coruñés para este ano, iniciativa posta en marcha co fin de aumentar nun 10% o total da vexetación urbana no termo municipal, e que forma parte da estratexia de loita contra o cambio climático do executivo local. “O arborado urbano é a principal ferramenta de mitigación de gases de efecto invernadoiro nas cidades. Ademais de absorber as nosas emisións, producen aire máis limpo e melloran a súa calidade, o que ten un efecto inmediato, e positivo, na saúde da veciñanza”, destacou a concelleira, quen lembrou que A Coruña ten unha ratio “moi escasa de árbore sen relación a súa poboación, sendo esta de 16 habitantes por exemplar, lonxe dos parámetros recomendados pola Organización Mundial da Saúde, que ascenden a tres árbores por habitante, polo que é prioritario incrementar a súa superficie”, explicou a edil.

O obxectivo do executivo municipal, segundo destacou María García, pasa por incrementar un 10% o arborado da Coruña –que conta con 15.000 exemplares, aproximadamente– a través deste proxecto, cuxa primeira fase tivo lugar no mes de marzo, arredor da celebración do Día da Árbore, e que supuxo a plantación de 70 novos exemplares en catro barrios da cidade. Para a execución deste segundo prazo, o goberno local investirá 373.000 euros, de xeito que, contra o final deste ano, o Concello disporá de máis de 630 novas unidades pola cidade, coa idea de acadar, neste 2017, “practicamente o 50% da previsión do plan, que non é outra que aumentar a ratio de zonas verdes do municipio”. Os restantes exemplares dos 1.500 previstos para estes dous anos polo goberno local plantaranse no 2018, nunha terceira fase, “que se executará nas épocas axeitadas para dita actuación, como son os períodos que abranguen os meses de xaneiro a marzo, e outubro a decembro”, aseverou García. A este respecto, a edil lembrou que as condicións climatolóxicas “excepcionais” deste outono “adiaron a plantación desta segunda fase de 2017, cuxo inicio estaba previsto para o mes de outubro”. Os exemplares que pasarán a incrementar o arborado do termo municipal son árbores grandes, con máis de 5 anos en viveiro, certificadas, e que cumpren cunha serie de condicións, como os milímetros de diámetro ou a altura da copa mínima a dous metros do chan, para garantir os menores problemas no espazo público, así como as súas posibilidades de supervivencia unha vez transplantadas

A maior parte dos máis de 630 exemplares que conformarán esta segunda fase de plantación destes dous últimos meses de 2017 distribuiranse, principalmente, por sete zonas diferentes da Coruña, como son Eirís, Novo Mesoiro, Os Rosales, Oza, Cances, Ventorrillo e Pablo Picasso. “O proceso de plantado establecerase en grandes extensións verdes, parques ou zonas próximas aos mesmos”, destacou a concelleira, que lembrou que no centro urbano levarase a cabo a reposición de máis de 200 árbores en alcorques de 61 rúas da cidade”. “Estamos a falar dun plan que, ademais de promover a biodiversidade, fará da Coruña unha cidade máis natural, humana e en contacto coa natureza, e que gozará dunha maior calidade do seu espazo público”, afirmou a responsable municipal.

A plantación máis numerosa da segunda fase do Plan de Expansión de Arborado levarase a cabo no barrio de Novo Mesoiro, onde chegarán 130 novos exemplares, entre os que se atopan sobreiras, castiñeiros de variedades autóctonas de castaña, dúas especies de carballos, loureiros ou freixos. Tamén será cuantiosa a plantación que se produza na zona de Eirís, unha medida que dá resposta a unha das 21 propostas cidadás escollidas pola veciñanza nos Orzamentos Participativos do ano pasado. “Existe unha forte demanda cidadá en canto á expansión do arborado e o aumento das zonas verdes da cidade, tal e como comprobamos nas dúas edicións deste proceso participado. No caso de Eíris, a plantación de 111 exemplares executarase precisamente nesta fase do plan municipal”, especificou a concelleira, que suporá a chegada de árbores froiteiras e doutras que se caracterizan por diferentes tonalidades de coloración no outono, como son os ginkgo biloba –pola súa cor amarela– ou as variedades de arces platanoides ou arce real, tamén con coloracións “espectaculares”, segundo cualificou a edil.

No barrio dos Rosales, a Concellería de Medio Ambiente aposta pola plantación de máis de 80 exemplares, entre os que se atopan varios tipos de bidueiro, carballo, faias e arces. Outra das zonas que contará con novas árbores será o Ventorrillo –na rúa Alcalde Peñamaría del Llano–, así como o lugar de Cances, nos que se plantarán máis de 30 carballos, castiñeiros e bidueiros. Finalmente, no caso de Oza, contará con 30 novas froiteiras, que favorecerán a presenza e diversidade de aves de pequeno tamaño, bolboretas e outros insectos e, na contorna da avenida Pablo Picasso, plantaranse perto de 10 bidueiros.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...