Home » coruna » Currently Reading:

O Concello colabora na recuperación da memoria e a figura dos gaiteiros da Coruña coa publicación da obra ‘Farruco de Montrove’

diciembre 15, 2017 coruna No Comments

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, participou na presentación da publicación Farruco de Montrove e os gaiteiros da Coruña , coa que o Concello colabora economicamente e “que sintoniza cunha serie de liñas que se estaban a tratar, vinculadas á música tradicional e popular na cidade”, como é a recuperación da memoria e da figura dos gaiteiros da Coruña. “Parecíanos unha boa ocasión para ter unha publicación de calidade e referencial”, sinalou o responsable municipal, que avanzou o acto de presentación da edición –obra de Moncho do Orzán e editada por A Central Folque–, que terá lugar este sábado, 16, na Fundación Luis Seoane, con presenza das familias dos gaiteiros e música ao vivo. “Será un acto de celebración e de compartir este legado colectivo”, sinalou durante a presentación Ramón Piñeiro, que compareceu en representación da editora, e quen salientou que o volume inclúe material gráfico, partituras facilitadas por familias e institucións e gravacións orixinais da época, ademais dun traballo de campo e arquivo musicolóxico moi destacable en torno a unha figura que é case mitolóxica para a xente da gaita” a cargo do autor, do que destacou que é “investigador, arquiveiro de Cántigas da Terra e instrumentista”.

O libro é, en palabras do seu autor, “un traballo que cumpre un deber moral, porque non había ningunha obra recente sobre os gaiteiros da Coruña”, e forma parte da colección ‘Chave Mestra’, na que colaboran investigadores tanto galegos como de fóra, e que ten por obxecto identificar grandes nomes capaces de achegar o coñecemento do patrimonio oral e musical galego. “Percatámonos de que na Coruña estaba a perderse a conciencia dun repertorio propio, unha técnica de tocar propia e unha forma de estar no mundo. Ademais, os gaiteiros teñen unha memoria histórica e unha memoria democrática que cumprir, están asociados a un camiño político, non son persoas que simplemente tocan”, quixo destacar Moncho do Orzán na rolda, antes de salientar que o libro “pode achegar a aquelas persoas que se están introducindo no mundo da gaita unhas primeiras claves para entrar históricamente no repertorio, e comezar a intepretar, a través das partituras”.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...