Home » coruna » Currently Reading:

O Concello colabora nun novo proxecto de economía social e inserción de colectivos con diversidades para a reutilización de lonas publicitarias

Agosto 11, 2017 coruna No Comments

A concelleira de Medio Ambiente, María García, presentou na Praza de María Pita o novo proxecto de economía social no que colabora o Concello da Coruña, xunto coa empresa Paraugas Carballo, e que foi impulsada pola Asociación Coruñesa de Promoción do Xordo (Acopros). Mediante esta iniciativa, aínda en fase experimental, o Concello doou unha serie de lonas –de material téxtil de gran calidade–, que foron reutilizadas e aproveitadas por persoas usuarias da Acopros para crear parasoles, coa formación e supervisión dunha empresa especializada no sector como é Paraugas Carballo. As lonas doadas pola administración local son as que se empregan para a publicidade de eventos tanto deportivos como de ocio en diversos escenarios da cidade.

García explicou que, dentro deste proxecto experimental, producíronse 20 parasoles que serán probados, entre outros espazos, nos postos de salvamento das praias, así como nos talleres e obradoiros de educación ambiental nos areais da cidade e nas festas dos barrios. “Estamos moi orgullosas de poder contribuír a este proxecto experimental de economía circular no que se favorece a inserción laboral de persoas con diversidades, que teñen historicamente moitas máis dificultades á hora de acceder ao mercado”, comentou a concelleira. “Estamos a falar un produto final de moi alta calidade, que é enfocado como un parasol de uso profesional polo seu peso e resistencia, ademais de que é apto tamén para a auga”, sinalou. Nesta primeira fase producíronse estas 20 unidades “tanto para probar a viabilidade do proxecto, tempo e custes de produción, como para testar o propio produto, a súa resistencia, a súa calidade e o soporte a meses de gardado”, explicou. A intención do Goberno local, se o produto pasa a fase de probas na que se atopa, é estabilizar un convenio de entrega de lonas a esta entidade, de forma que se contribúa a favorecer a inserción laboral de persoas con diversidade. “As lonas son uns dos residuos coas que estamos estudando levar a cabo máis proxectos de economía social”, comentou a edil, que recordou que esta é a terceira iniciativa neste senso que desenvolve o Goberno local, tras o proxecto de recollida de aceites domésticos en base a un convenio entre o Concello e o colectivo Mulleres Colleiteiras e o de reutilización de roupa usada cos contedores xestionados por Padre Rubinos.

“Trátase dunha iniciativa moi inspiradora, xa que pon de manifesto que a xestión de residuos tamén pode e debe ser creativa, pensando nas persoas e na economía social. Esta actividade vai en paralelo a dúas liñas de actuación estratéxica desta concellería. Por un lado, a que ten que ver co desexo de mellorar o comportamento medio ambiental das nosas festas, dentro das iniciativas por unhas Festas Sostibles, onde poñemos en marcha distintos recursos, como é o caso do propio Ecovaso. Por outro lado, falamos de que a xestión sostible dos recursos, baseada na reciclaxe tamén serve para fomentar iniciativas de economía social. O movemento económico que se crea ao redor dos residuos tamén pode servir para facilitar o acceso ao mercado laboral de persoas que teñen maiores dificultades”, fixo notar. “Ademais, estas lonas son moi especiais, xa que se trata das empregadas pola Concellería de Culturas para publicitar diversos eventos festivos da cidade e, á vez, aos e as ilustradoras e artistas da Coruña”, destacou.

A presidenta de Acopros, María Jesús Ruiz, subliñou que a súa entidade, sen ánimo de lucro, preocúpase pola promoción de persoas xordas e pola inclusión e coidado na súa contorna, polo que se amosan especialmente satisfeitas por un proxecto desenvolvido cun obxectivo sostible pero tamén de inserción laboral. Representantes e usuarios e usuarias de Acopros, así como de Paraigas Carballo estiveron presentes na rolda de prensa na que a concellería García agradeceu a súa iniciativa e colaboración.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...