Home » coruna » Currently Reading:

O Concello concede a Xestur a licenza para urbanizar tres parcelas do Ofimático, como paso previo á futura construción de instalacións comerciais

octubre 10, 2017 coruna No Comments

O Concello vén de conceder á entidade de xestión do solo da Xunta de Galicia, Xestur, a licenza para executar as obras de urbanización en tres parcelas do polígono do Parque Ofimático, na mazá denominada Z-14. Trátase, segundo informa o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, de tres soares ubicados na zona máis próxima aos accesos de Eirís, “e cuxa urbanización é o paso previo necesario para a concesión das licenzas para edificar as instalacións comerciais que se prevén alí”. Como indica, a concesión deste permiso chega “despois dun intenso labor, de máis dun ano, co ente de xestión inmobiliaria da Xunta, para mellorar a súa proposta inicial de urbanización e lograr un proxecto máis e mellor integrado coa contorna, como a avenida de San Cristóbal e Eirís, tendo en conta que se trata de terreos que se atopan a distintas alturas e que requiren de solucións ben resoltas para evitar o impacto da separación, e igualmente para lograr a integración dos muros de contencióndoladonorteouparamelloraraaccesibilidadeásparcelas”.

A licenza afecta a tres parcelas de 5.599 m2 , 6.432 m2 e 2.489 m2 de superficie, e outorga cun prazo de execución de seis meses desde a concesión para unhas obras que contan cun presuposto de execución material de 362.469 euros. A actuación contempla a urbanización interior, a explanación da parcela e a execución dos accesos á mesma, así como as acometidas ás redes xerais municipais, e xa contan coa autorización da dirección xeral de Patrimonio, requirida por unha actuación localizada na zona de afección do Camiño Inglés. Tal e como fai notar Varela, os traballos de urbanización poderán ir en paralelo aos que desenvolve o Concello no Ofimático, onde xa ten moi avanzadas as obras dos accesos de Eirís, e que neste punto servirán tamén para dotar o polígono do paquete eléctrico. Unha vez realizada a urbanización nestes soares, Xestur poderá proceder a solicitar as licenzas de construción para edificacións de usos terciarios.

“O Concello está a impulsar o avance das actuacións que permitirán que o Ofimático poida ser, no menos prazo posible, un barrio máis da cidade, e realiza un labor rigoroso para que os proxectos se adecúen ao planeamento vixente, como o desenvolvido todos estes meses con Xestur. A vontade do Concello sempre foi impulsar as obras e garantir que estas estean axustadas á normativa urbanística. O que non é posible é conceder licenzas a proxectos que non cumpren a normativa vixente, como ocorreu co proxecto para o edificio de vivendas de protección oficial solicitado pola Xunta, que non se axustaba á propia normativa urbanística aprobada pola Xunta”, observa o responsable de Rexeneración Urbana. Como recorda, en paralelo, o Concello continúa avanzando nos traballos de urbanización no polígono e inicia esta semana os contactos con representantes das cooperativas do Ofimático para abordar a tramitación das primeiras licenzas de primeira ocupación no polígono, tras recibirse, hai poucas semanas, a primeira das solicitudes.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...