Home » coruna » Currently Reading:

O Concello constitúe, da man das entidades do sector, o Consello Local de Inclusión Social, “un órgano de diálogo permanente sobre a mellora da calidade de vida da cidadanía”

mayo 16, 2018 coruna No Comments

​O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, presidiron o acto de constitución do Consello Local de Inclusión Social, un órgano de participación para as entidades do sector que terá carácter consultivo e que conformará un espazo de “participación, escoita e traballo en rede, que terá unha función de recollida de experiencias das entidades de cara a deseñar políticas que melloren a calidade de vida da veciñanza”. A primeira sesión deste novo ente contou coa inscrición de 25 entidades sociais entre as que se atopa a Asociación Antidroga Antonio Noche, a Asociación Cidadá Loita contra a Droga, a Asociación de Ex Alcohólicos da Coruña, Asociación Ecos do Sur, Asociación ONG Viraventos, Asociación Pro Enfermos Mentais da Coruña, Asociación Social e Cultural Boa Noite, Asociación SOS Racismo Galicia, Betania de Jesús Nazareno, Cáritas Interparroquial, Colexio Oficial de Diplomados en Traballo Social de Galicia, Colexio Oficial de Educadoras Sociais de Galicia, Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Comité Antisida da Coruña-Casco, Cruz Vermella Española, Ecodesarrollo Gaia, Federación da Asociación Veciñal da Coruña e Área Metropolitana, Fundación Adra, Fundación Érguete Integración, Fundación Hogar Santa Lucía, Juan Soñador, Fundación Ronsel, Fundación Secretariado Gitano, Sor Eusebia e Padre Rubinos, ademais dos sindicatos CIG e CSIF e o grupo municipal do BNG. A concelleira Cameán recordou que, ademais das entidades que hoxe se inscribiron, “o Consello queda aberto á incorporación de novas entidades, tanto sociais, como de representación política ou sindical que hoxe non puideron acudir á sesión de constitución ou non tiveron tempo a adherirse aínda que estiveron presentes no citado acto”.

O alcalde, Xulio Ferreiro, salientou na constitución do citado órgano que “se trata dun ente de carácter pioneiro que poñemos en marcha logo de que o Concello da Coruña, tamén da man das entidades do sector, fora capaz de sacar adiante unha prestación tan importante para loitar contra a exclusión como é a Renda Social Municipal, que dende a súa implantación leva xa axudado a máis de 320 persoas na cidade, 200 familias con 55 menores a cargo” recordou.

Pola súa banda, a concelleira Cameán destacou que o Consello Local da Inclusión Social nace coa vocación de “ser un instrumento para o diálogo, a cooperación, a análise compartida e a mellora da calidade de vida das persoas”. Así, a responsable municipal manifestou que o Consello comeza a andar un novo camiño cheo de retos, sendo un dos primeiros que pretende abordar o Plan Local de Inclusión Social, un proxecto que pretende botar a andar ao longo deste ano a Concellería de Xustiza Social e que ten como principal obxectivo “dar resposta ás necesidades de protección, benestar social e calidade de vida da cidadanía”. “O noso obxectivo, en primeiro termo, é, da man de todas as entidades e actores implicados no traballo social, definir os obxectivos e estratexias deste plan que, nun primeiro momento, debe levar a cabo un amplo traballo de mapeo e detección das necesidades a nivel de inclusión social que existen na cidade”, explicou a concelleira. Así, a intención do goberno local é que o Plan Local de Inclusión Social se elabore coa colaboración e o traballo participado tanto das integrantes no propio Consello Social Municipal, como as entidades do terceiro sector, así como técnicos e políticos do ámbito municipal.

O Plan de Inclusión Social conta con distintas fases, que se abordarán de forma participada, como é a revisión do marco teórico e normativo das políticas de inclusión social, a recollida de datos para a diagnose social da realidade actual e a súa posterior análise, o que derivará na elaboración e aprobación do propio plan, así como a súa execución.

Comment on this Article:







*