Home » coruna » Currently Reading:

O Concello contribúe á realización de programas que fomentan a igualdade e a inclusión das diversidades a través dunha achega de 150.000 euros á Fundación Emalcsa

mayo 10, 2018 coruna No Comments

O Concello da Coruña asinou este mércores un convenio de colaboración coa Fundación Emalcsa, entidade municipal sen ánimo de lucro, pola que se compromete a achegarlle 150.000 euros destinados a contribuír ao financiamento das actividades e programas postos en marcha para favorecer a xustiza social, a igualdade e a inclusión das diversidades. A sinatura, na que participaron o alcalde, Xulio Ferreiro, como máximo representante da administración local, e a concelleira de Igualdade, Rocío Fraga, como vicepresidenta da Fundación Emalcsa, serviu para recordar os fins estatutarios deste ente e que se resumen “na promoción da igualdade de oportunidades e da integración social e laboral da poboación en xeral e dos colectivos en risco de exclusión en particular”. O organismo dependente da administración municipal, segundo destacou Fraga, “tamén colabora en proxectos de cooperación ao desenvolvemento e de axuda humanitaria, en programas de desenvolvemento económico especialmente destinado a sectores emerxentes e á promoción de estilos de vida saudables”.

A achega do Concello á Fundación Emalcsa de 150.000 euros está contemplada nos orzamentos municipais deste ano, no anexo de subvencións nominativas, ao entender que esta entidade “é de interese social para o conxunto da comunidade”.

A Fundación Emalcsa ten en marcha distintos programas que contribúen a facer desta unha cidade máis igualitaria como é o caso de ​A Flote​, que ten como obxectivo evitar situacións de desprotección e que está pensado “como un recurso para prestar axudar e puntual á cidadanía en situacións nas que non poden optar a outro medio de intervención desde o sistema público de servizos sociais”. Durante o pasado ano, este programa, que se desenvolve en colaboración coa Concellería de Xustiza Social, concedeu 197 axudas de emerxencia social por importe de 105.000 euros.

A concelleira Fraga salientou tamén os éxitos recollidos polos programas ​Cultura Accesible e Inclusiva e ​Deporte Solidario​, que buscan afondar na inclusión social de colectivos desfavorecidos ou con diversidade a través de entidades culturais e deportivas e que o pasado ano se abriu, ademais, á colaboración de entidades da cidade que participan, xunto co Concello, en calidade de patrocinadoras.

Na súa primeira convocatoria, o programa de ​Cultura Accesible e Inclusiva​, que conta cunha aportación municipal este ano de 100.000 euros, deu lugar a 7 iniciativas culturais ou artísticas, todas elas de diferentes ámbitos –teatro, pintura, música, cine e museístico– e nas que participaron 7 entidades culturais –Sociedade Filatélica da Coruña, Amigos do Museo de Belas Artes da Coruña, Asociación Cultural para a Integración Social Diversos, Asociación Sociocultural La Quinta del Arte, Asociación para el Desarrollo de la Cultura Musical en la Infancia para Colectivos Desfavorecidos y en Riesgo de Exclusión Cultural Demusidade, Asociación Cultural Tres por Cuatro, Asociación Proxecto Máscaras– e 10 entidades sociais –ASPRONAGA, Cruz Roja, APEM, GRUMICO, ABRENTE, ASPANAES, ONCE, AIND, ADCOR–.

Por outro lado, o programa de ​Deporte Solidario e Inclusivo​, cun orzamento de 250.000 euros, financiará esta edición proxectos deportivos que se desenvolverán con 29 entidades da cidade, como son o Club Escuela de Tenis Marineda, Alquimia Inline, Club Halterofilia Coruña, Zalaeta 100tolos, Club Natación Coruña, Club de Rugby de Arquitectura Técnica (CRAT), Club de Mar de San Amaro, Agrupación de Montañeros Independientes, Club Básquet Coruña, Real Sociedad Hípica de A Coruña, Unión Veciñal Ventorrillo, Grumico S.D., Sociedade Deportiva As Xubias, Athletic Coruña Hockey Club, Sporting Club Casino de A Coruña, Real Club Náutico de A Coruña, Club Torre SD, Viaxes Amarelle FSF, Victoria CF, Club Maristas, Club Instituto Zalaeta, OAR Ciudad Vieja de 1952, Club 5 Coruña Fútbol Sala, Orillamar SF, BM Línea 21, Orzán SD, Club Silva SD e Hockey Club Liceo.

Comment on this Article:







*