Home » Uncategorised » Currently Reading:

O Concello convoca a primeira xuntanza do Consello Local de Inclusión Social, “un espazo de participación e escoita para traballar en rede coas entidades e recoller as súas experiencias”

mayo 11, 2018 Uncategorised No Comments

A Concellería de Xustiza Social e Coidados celebra o próximo 15 de maio o acto de constitución do Consello Local de Inclusión Social, un órgano de participación para as entidades do sector que terá carácter consultivo. “Trátase dun espazo de participación, de escoita e de traballo en rede que terá unha función de recollida das experiencias das entidades, que aportan o coñecemento dende a proximidade coa realidade social, e tamén de debate e estudo de iniciativas”, explica a edil responsable do departamento, Silvia Cameán. A constitución deste órgano é, sinala, “a culminación de moito tempo de diálogo coas entidades do sector, un proceso no que consideramos fundamental contar coas achegas de quen desenvolve o seu labor no obxectivo da inclusión social e para o que necesitabamos unha canle e un espazo de traballo”.

Este novo órgano de participación, cuxa creación está recollida na ordenanza reguladora da Renda Social Municipal, ten entre as súas capacidades “a de colaborar no deseño das políticas municipais de inclusión, propor iniciativas específicas e crear grupos de traballo sobre diferentes realidades que xeren conclusións que axuden na toma de decisión, así como a achega de propostas para o gasto orzamentario”. Así, a concelleira de Xustiza Social e Coidados indica que “as opinións e propostas do Consello remitiranse aos órganos de Goberno municipal co obxectivo de optimizar os recursos e os programas do Concello en materia social, que aínda que non serán estritamente vinculantes”.

Na primeira reunión do Consello Local de Inclusión Social, que se celebrará no Salón de Sesións do Pazo de María Pita, participarán un total de 25 entidades do sector, sindicatos e grupos con representación na Corporación que ratificaron a súa disposición a formar parte do Consello, un paso preciso tal e como se sinala no regulamento. Porén, a Concellería de Xustiza Social e Coidados dirixiu convites para a súa inclusión neste novo órgano a todas entidades cidadás relacionadas ca inclusión social que figuran inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións Coruñesas (REMAC), xa que nel pode participar calquera entidade deste ámbito, sempre que o solicite previamente e cumpran os requisitos establecidos nas bases do Consello. Na primeira reunión que se celebre tras o acto de constitución da próxima semana, o Consello Local de Inclusión Social elixirá os seus órganos de goberno: a vicepresidencia e a súa suplencia e a Comisión Permanente. Tamén se abordará a proposta de novas entidades que poidan formar parte do Consello. A presidencia recae sobre o alcalde, Xulio Ferreiro, que poderá delegar na concelleira de Xustiza Social e Coidados.

Comment on this Article:







*