Home » coruna » Currently Reading:

O Concello culminará de xeito inminente as obras do Camiño do Correlo, “que permitirán adaptar unha vía histórica ás necesidades actuais de accesibilidade e mobilidade”

noviembre 23, 2017 coruna No Comments

O Concello prevé rematar nas próximas semanas as obras que está a acometer no Camiño do Correlo, en Feáns, unha actuación que xa está en marcha e que “dá resposta a unha petición formulada pola asociación veciñal da zona para mellorar a accesibilidade ao núcleo histórico do barrio, de forma que a cidadanía desta parte do distrito 4 vexa igualados os seus dereitos aos do resto do municipio”. Así o aseverou o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, que esta semana acompañou ao alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, a supervisar o avance desta importante actuación.

As obras, que foron adxudicadas por 110.994,51 euros, comprenden a urbanización do Camiño do Correlo, vía orixinariamente rural que é un elemento fundamental de unión nos camiños que conectan Feáns con Santa Icía e Pastoriza. “O que pretendemos é poñer en valor un espazo tan significativo adecuando as súas características ás necesidades contemporáneas da poboación”, comentou o responsable municipal, que explicou que a intervención consiste en “compatibilizar o espazo para o tráfico de automóbiles e de peóns”. “Os usos contemporáneos que se lle dan a este tipo de vías son moi variados, xa que non só se reducen á circulación de automóbiles e maquinaria agrícola, senón que cada vez incorporan máis usos de lecer, como zonas de paseos, socialización de maiores ou práctica do sendeirismo. Estes novo usos fan necesario que garantamos unha coexistencia segura entre o peón e o automóbil”, explicou o concelleiro Varela, que conveu que “no caso do Correlo entendemos que unha vía con calzada e beirarrúas non era a solución máis axeitada”.

Desta forma, o departamento de Rexeneración Urbana proxectou unha actuación no Correlo que dote a vía dunha plataforma única, empregando diferentes materiais de forma que se diferencien con facilidade as distintas zonas. O espazo reservado aos automóbiles será unha superficie asfaltada cunha anchura de 3 metros, mentres que os laterais para o uso peonil quedarán resoltos en formigón, ao igual que as interseccións onde se conecte a calzada con outros camiños rurais. “Ao usar distintos materiais tamén advertimos, de xeito máis sinxelo, os cruces ou os espazos estreitos”, explicou Varela.

“Ademais, outras das accións importantes que levamos a cabo para modernizar, adaptar e igualar o Camiño do Correlo a outras vías da cidade consiste en introducir no subsolo os servizos urbanos de saneamento e electricidade, renovando os mesmos e adaptándoos aos estándares do termo municipal”, comentou. Esta intervención inclúe a condución de drenaxe da auga das fincas que se atopan nas beiras do camiño, a rede de pluviais e o soterramento da rede eléctrica, que até agora era aérea, así como as redes de alumeado público e as conducións de reserva.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...