Home » coruna » Currently Reading:

O Concello da Coruña establecerá este domingo un dispositivo especial de tráfico co gallo da Carreira Contra o Cancro

junio 2, 2018 coruna No Comments

​A Concellería de Mobilidade Sostible despregará este domingo, 3 de xuño, un dispositivo especial de tráfico con motivo da celebración dunha nova edición da Carreira popular contra o cancro, unha iniciativa solidaria que conta coa colaboración do Concello da Coruña e cuxos beneficios destinaranse á investigación e aos programas que realiza a xunta provincial da Coruña da Asociación Española contra o Cancro. A carreira terá distintas modalidades segundo as idades e condicións das e dos participantes, e celebrarase entre as 10.30 e as 13.00 horas nun circuíto urbano. No caso da categoría absoluta, o trazado de 6.450 metros terá a saída no Obelisco e percorrerá a avenida da Mariña, o Parrote e o Paseo Marítimo até a altura do Club do Mar de San Amaro. Ademais destas carreiras, terá lugar unha marcha popular, aberta a todas as idades e condicións físicas, cuxo circuíto de 4.500 metros que a avenida da Mariña, Parrote e parte do Paseo Marítimo, até o cruzamento con Veramar.

A celebración da proba suporá o peche dos Cantóns e da avenida da Mariña até Porta Real entre as 08.00 e as 14.00 horas, e o tráfico no sentido de entrada á cidade desviarase cara a Juana de Vega. Desde as oito da mañá, suprimirase tamén a parada de taxis do Obelisco e as entradas e saídas do estacionamento dos Cantóns da zona do circuíto. A partires das 12.00 horas, recuperarase para o transporte público o itinerario de saída por Paseo da Dársena, avenida da Mariña, Ambrosio Feijoo e a avenida do Porto. Durante toda a mañá, manterase operativa a circulación do túnel do Parrote, dándose tráfico alternativo mediante presenza policial por un só carril entre a saída do túnel e a rúa Maestranza, coordinado co acceso ao estacionamento do Oceanográfico.

Ademais, entre as 10.15 e as 11.35 horas, pecharase o Paseo Marítimo nos dous sentidos de circulación, desde o Castelo de San Antón até a glorieta de Adormideras –que se manterá operativa– e non será posible desaparcar neste treito. Así, cortarase o acceso da rúa Veramar e do vial da Hípica cara ao Paseo Marítimo.

Por outra banda, cambiarase o sentido da rúa Santa Catalina cara a San Andrés para dar saída a Durán Loriga, con presenza policial no cruzamento San Andrés-Santa Catalina. Cortarase tamén o acceso á rúa Nova e a Entrexardíns, polo que se suprimirá a parada de transporte interurbano, que recortará o itinerario das liñas afectadas até a praza da Palloza.

Transporte público

Co gallo da proba modificarase tamén, puntualmente, o percorrido das liñas de transporte público urbano, dando lugar á creación de paradas provisionais na avenida do Porto. No sentido entrada á cidade, circularán pola praza de Ourense, avenida do Porto e túnel da Mariña, No sentido saída, en función do horario, transitarán por Maestranza, túnel do Parrote e avenida do Porto (entre as 08.00 e as 12.00 horas) ou ben pola avenida da Mariña, Ambrosio Feijoo e avenida do Porto (entre as 12.00 e as 14.00 horas).

Así, ​as liñas 1, 1A, 2, 2A, 5, 17, 23 e 23A, desviaranse desde Praza de Ourense cara á avenida do Porto, túnel de María Pita e praza das Atochas. Neste punto as liñas 5 e 17 continuarán por Orillamar, onde recuperarán o seu itinerario habitual. No caso das liñas 1, 1A, 2, 2A, 23 e 23A, circularán por Metrosidero, Maestranza e Abente y Lago, facendo parada na praza dás Ánimas e continuando polo túnel do Parrote cara á avenida do Porto e praza de Ourense, onde recuperarán a súa ruta. ​No caso das liñas 3 e 7, desde praza de Pontevedra continuarán por San Andrés, rúa Alta, Paseo Marítimo, Hospital, Campo da Leña, Baltasar Pardal e Orillamar, onde recuperan o seu itinerario; e a liña 3A, desde o Abente e Lago, circulará cara ao túnel de O Parrote, avenida do Porto, Praza de Ourense e Juana de Vega, incorporándose aquí na Praza de Pontevedra ao seu percorrido habitual.

Comment on this Article: