Home » Ayuntamiento »coruna » Currently Reading:

O Concello da Coruña, xunto co de Avilés, o goberno do Estado, Galicia e Asturias, propoñen unha mesa de traballo para negociar con empresa e axentes sociais o futuro das plantas de Alcoa

noviembre 8, 2018 Ayuntamiento, coruna No Comments

O Concello da Coruña, xunto co de Avilés, os executivos autonómicos de Galicia e o Principado de Asturias e os ministerios de Industria e Transición Ecolóxica acordaron esta tarde, no marco dunha reunión celebrada en Madrid e na que estiveron presentes os e as titulares de cada administración, propoñer a constitución dunha mesa de traballo na que, ademais, participen os axentes sociais e Alcoa, para negociar o futuro das plantas que a multinacional pretende pechar na Coruña e en Avilés, o que afectaría de xeito directo a máis de 700 familias.

O acordo adoptouse esta tarde logo da xuntanza institucional celebrada no Ministerio de Industria e na que participaron o alcalde coruñés, Xulio Ferreiro, así como a súa homóloga en Avilés, Virtudes Monteserín, as ministras de Industria e de Transición Ecolóxica, Reyes Maroto e Teresa Ribera, e os presidentes da Xunta e do Principado, Alberto Núñez Feijóo e Javier Fernández. Nunha comparecencia posterior ante os medios de comunicación, o rexedor coruñés manifestou que outro dos acordos acadados pasa por solicitar á empresa á retirada do ERE extintivo que ten activado e que afecta ás dúas plantas. “O fundamental é que no día de hoxe, as cinco administracións implicadas nos sentamos á mesa para evidenciar que estamos de acordo en como hai que actuar. Primeiro, é imprescindible que se retire o expediente de regulación de emprego porque non se pode negociar e conformar unha mesa de traballo realmente construtiva se hai unha data de límite tan próxima”, comentou Ferreiro, que destacou que outra das demandas que se lle fixo ás representantes estatais é que o goberno poña en marcha os mecanismos que sexan necesarios para poder conformar esta mesa, “sentar a Alcoa e negociar e seguir avanzando cos sindicatos e as forzas sociais, xa que somos conscientes de que ambas plantas son rendibles”. “Todo o esforzo que se faga aquí está xustificado. Estamos falando de moitas familias, de moitas veciñas e veciños”, advertiu o primeiro edil, que tivo unha referencia para os e as traballadoras da planta coruñesa. “Quero mandar unha mensaxe de ánimo, que saiban que todos e todas as que nos sentamos hoxe a esta mesa estamos a traballar para reverter a situación actual”, manifestou.

A ministra de Industria, Reyes Maroto, que resaltou a unidade de acción entre todas as administracións, explicou que a constitución desta mesa permitirá traballar e propoñerlle á empresa diferentes escenarios alternativos ao peche das dúas plantas e que permitan o mantemento dos postos de traballo. Na reunión tamén se acordou que o goberno activará de aquí a final de ano as medidas previstas para a industria electrointensiva, en concreto, a poxa de interrumpibilidade e o pago do custo de compensación das emisións de CO​2​. Maroto avanzou que estas medidas “darán seguridad jurídica a toda la industria electrointensiva del país en un momento en el que el precio de la energía está repuntando”. As administracións implicadas tamén se comprometeron a traballar de forma paralela na elaboración dun marco estable no ámbito enerxético para este tipo de industria.

Comment on this Article: