Home » Ayuntamiento » Currently Reading:

O Concello dá luz verde á construción de dous edificios cun orzamento previsto de case 10 millóns, tras resolver outras 49 licenzas urbanísticas nos últimos quince días

junio 16, 2018 Ayuntamiento No Comments

A Xunta de goberno local deu luz verde á construción de dous edificios, un no sector 10 do Parque Ofimático, de 40 vivendas destinadas a uso social, e outro situado na Fábrica de Tabacos que, pola súa banda, albergará 64 vivendas. O orzamento de ambas actuacións é de case 10 millóns de euros. Segundo destacou o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, a aprobación destas dúas licenzas, sumadas ao resto de títulos habilitantes que se aprobaron nos últimos 15 días, referendan que “o goberno local está a tramitar un elevado número de licenzas de obras e actuacións que non son menores, a pesar do que intentan trasladar determinadas voces interesadas”. “Estamos a axilizar a entrega de licenzas á vez que mantemos un control escrupuloso, de forma que no futuro, nin Concello nin cidadanía teñan que facer fronte a consecuencias derivadas dunha xestión urbanística que se levou a cabo sen as garantías adecuadas, como ocorreu en épocas pasadas”, indicou, para destacar que “na actualidade, e logo dun importante proceso de renovación do servizo, a tramitación de licenzas é absolutamente electrónica, dixitalizándose en todas as fases da súa tramitación, o que introduce maior seguridade, axilidade e eficacia no proceso”.

Así, ademais da concesión destas dúas licenzas de construción, o titular de Rexeneración Urbana tamén dou conta, como é habitual, do informe relativo a licenzas e demais títulos habilitantes tramitados dende a súa área e con importes menores a 1,2 millóns de euros. Dentro destes parámetros, entre o 30 de maio e o 12 de xuño, o Concello resolveu un total de 235 expedientes, dos que 49 se corresponden con licenzas urbanísticas, 96 con comunicacións previas ao inicio de obras e 75 con comunicacións de inicio de actividade ou apertura de establecemento. “Ao contrario do que intentan trasladar dende o grupo municipal do PP, estes trámites supoñen actuacións de entidade, xa que, por exemplo, tan só no que atinxe a licenzas, hai numerosas obras de rehabilitación completa de edificios, para reparación de galerías, fachadas ou cambios de cubertas”, indicou.

Con respecto á licenza outorgada ao Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) no Ofimático, Varela salientou que se trata dun edificio de 40 vivendas destinadas a promoción pública, cuxo orzamento de execución é de 4,1 millóns de euros e cuxas obras deben iniciarse no prazo de 6 meses, tendo previsto 36 de execución. Por outro lado, a promoción de vivendas na Fábrica de Tabacos cuxa licenza foi validada esta xornada autoriza un proxecto de construción de 64 vivendas con 88 prazas de aparcamento, 64 faiados e un local comercial, cun orzamento de execución de obras de case 5,6 millóns de euros, sendo preciso que as obras, cun prazo de execución de 36 meses, comecen antes de transcorridos os seis primeiros.

Por outro lado, a Xunta de goberno local desta xornada aprobou a adxudicación do tramo do carril-bici comprendido entre A Palloza e Matogrande por 304.000 euros, unha actuación que ten un tempo de execución prevista de 9 meses e que, cun itinerario de 2,11 quilómetros transcorrerá dende A Casa do Mar até Matogrande, pasando por Ramón y Cajal, Alcalde Pérez Ardá e Salvador de Madariaga.

Noutra orde de asuntos, a Xunta de goberno local aprobou a prorroga por un ano máis do contrato de telefonía fixa en edificios municipais, por un prezo máximo estimado de 300.000 euros anuais. A concelleira de Participación, Claudia Delso, salientou “o considerable aforro que supuxo este contrato, asinado polo actual goberno local con respecto ao anterior, xa que se pasou dunha facturación mensual de case 20.000 euros a 8.226 euros”.

Comment on this Article: