Home » coruna » Currently Reading:

O Concello “dá un novo paso na ordenación e recuperación de dereitos dos e das traballadoras municipais” e convoca o primeiro concurso de traslados nunha década

junio 27, 2018 coruna No Comments

O Concello da Coruña vén de publicar no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases polas que se rexerá o novo concurso de traslados impulsado pola administración local, o primeiro que se leva a cabo nunha década. A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, salientou que se trata “dun novo paso do goberno local na ordenación e recuperación dos dereitos dos e das traballadoras municipais”. Esta nova convocatoria do concurso de traslados está dirixida a persoal funcionario pertencente aos grupos AP e C e oferta, nunha primeira fase, a posibilidade de mobilidade en 211 postos de traballo.

Segundo destacou a responsable municipal este concurso nace “do consenso e o diálogo”, xa que puido levarse a cabo “grazas ao traballo e as conversas mantidas xa dende o ano pasado e concretadas na Mesa Xeral de Negociación cos sindicatos con representación da administración, que derivaron na aprobación das bases que regulan esta convocatoria”. “Coa negociación e aprobación dunhas bases permanentes que rexan tanto este concurso de traslados e os futuros que se leven a cabo nos próximos anos evitamos ter que perpetuar situacións que se fixeron habituais na última década como a utilización indiscriminada de comisións de servizo para abordar situacións de mobilidade do persoal funcionario”, reflexionou. “Até o de agora houbo que empregar a figura das comisións de servizo ante a urxencia de cubrir determinados postos. Estas novas bases permitirán a celebración d​os concursos de traslados de forma periódica e ordenada segundo un calendario que se recollerá dentro do acordo marco que está a negociarse reducindo as situacións de cobertura temporal aos mínimos imprescindibles​”, indicou.

O concurso convocado consta de dúas fases, tal e como se recolle nas súas bases. Unha primeira, que ten por obxecto a convocatoria das vacantes ofertadas, e onde o persoal interesado poderá realizar as solicitudes que estime en función das súas preferencias, e unha segunda fase “a resultas”, que recollerá os postos que queden sen cubrir unha vez resolta a adxudicación da primeira fase.

Vieito aludiu “aos avances” conseguidos polo executivo local nos últimos meses no que ten que ver coas condicións dos e das traballadoras municipais. “Hai que recordar que, precisamente, na Mesa de Negociación onde se consensuaron as bases permanentes desta convocatoria, tamén se acordou, por unanimidade, o dereito do cadro de persoal a recuperar a semana de días libres por antigüidade, algo que, por certo, foi posible grazas á cancelación do Plan de Axuste realizado o pasado ano polo goberno local e ó cumprimento pola administración local dos criterios de estabilidade orzamentaria”, comentou. Ao fío, a titular de Facenda recordou outros fitos recentes nas políticas de persoal, xa que recentemente o Concello asinou o acordo cos representantes sindicais da Policía Local para a recuperación dos dereitos salariais deste colectivo, así como, o pasado ano “logrou sacar adiante unha nova Relación de Postos de Traballo (RPT), coa finalidade da reorganización interna que era preciso levar a cabo previamente para poder realizar o concurso de traslados”.

Comment on this Article: