Home » coruna » Currently Reading:

O Concello destina 40.000 euros a apoiar nove proxectos ambientais para o fomento da xestión sostible de residuos e a divulgación da conservación da natureza na cidade

octubre 29, 2017 coruna No Comments

A Concellería de Medio Ambiente vén de resolver a súa convocatoria de subvencións destinadas a proxectos e ideas dirixidas, por unha banda, ao fomento de coñecemento e dunha cultura de xestión sostible de residuos e a limpeza viaria e, por outra, á promoción das actuacións encamiñadas a divulgar e fomentar os obxectivos da naturalización urbana e conservación da natureza da cidade. Serán un total de nove proxectos os que se verán apoiados por esta liña de axudas, posta en marcha polo goberno local o pasado ano e na que o Concello inviste nesta edición 40.000 euros. En concreto, as propostas que recibirán subvencións son o obradoiro de plantas medicinais e aromáticas da Asociación Cultural Zalaeta; o proxecto sobre minería solidaria de proximidade de Ecodesarrollo Gaia, relativa aos criterios éticos para unha economía circular e de residuo cero; o proxecto ‘Nós precisamos medicamentos, a natureza non’, da Liga Reumatolóxica Galega; os Encontros Naturalistas 2017 do Grupo Naturalista Hábitat e tamén o proxecto sobre economía circular da Asociación de Jóvenes Empresarios da Provincia da Coruña, relativo á responsabilidade da empresa co medio ambiente e a economía social. Do mesmo xeito, recibirán estas axudas o proxecto ‘Agra-Cultura’ da asociación Ecos do Sur, unha iniciativa de promoción cultural, renaturalización e potenciación da biodiversidade en espazos urbanos; a proposta da asociación veciñal de Oza-Gaiteira-Os Castros sobre o ciclo ambiental titulada ‘Noso barrio conta’; o proxecto da asociación veciñal do Castrillón-Urbanización Soto-IAR ‘Non somos de plástico’, e, por último, o obradoiro de mantras e sensibilización ambiental da Asociación Cultural Tres por Cuatro.

Esta liña de axudas para o fomento da cultura ambiental supón, como salienta a concelleira desta área, María García, “unha mostra máis no compromiso e o empeño deste goberno por implicar á cidadanía e as entidades da cidade para que tomen responsabilidade, xunto coa administración, do papel que cumprimos nun reto tan relevante como é o da sostibilidade e a conservación da nosa contorna, e, ao tempo, para contribuír ao empoderamento dos colectivos en temas ambientais, para que poidan ser axentes de sensibilización nas súas áreas de influenza”. “Temos ante nós un reto importante e debemos ir todas e todos da man para tomar conciencia do papel fundamental que xogamos”, salientou.

Esta segunda convocatoria avanza nos proxectos que recibiron o apoio municipal o ano pasado, dirixidos, naquela convocatoria, a apoiar propostas relacionadas coa mellora da conservación e coñecemento da natureza en ámbitos como os centros de ensino, a creación de hábitats para a fauna, retirada de plantas invasoras, expansión do arborado e da vexetación nos ambientes construídos ou outras intervencións prácticas e, por outra banda, a dar respaldo a accións encamiñadas a fomentar a redución de lixo, a separación en orixe e a valorización, así como proxectos innovadores vinculados ao tratamento da materia orgánica vía compostaxe.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...