Home » coruna » Currently Reading:

O Concello edita a obra ‘Choqueiros. Breve crónica histórica do carnaval coruñés’, co obxectivo de recuperar e poñer en valor a singulariedade do noso entroido”

febrero 10, 2018 coruna No Comments

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, presentou no Pazo de María Pita o libro Choqueiros. Breve crónica histórica do carnaval coruñés, unha publicación que ten como finalidade recuperar a tradición popular do entroido local. “Por segundo ano consecutivo, o Concello edita un libro en relación á historia destas festas, co obxectivo de afondar na necesaria exploración da memoria da nosa cidade”, sinalou Sande. Así, tras a publicación no 2017 do libro O apropósito coruñés, escrito por Antón de Santiago, o goberno local edita un novo texto, “que afonda nas singulariedades e as particulariedades do entroido coruñés, entendido como unha festa espontánea, popular e tradicional, da que se debe recoñecer e poñer en valor o seu pasado”, explicou o concelleiro. O titular da área de Culturas, que estivo acompañado polo autor, o historiador Xosé Alfeirán, explicou que o texto, que inclúe material gráfico da época procedente do Arquivo Municipal, fai unha revisión do Carnaval da Coruña que chega até o ano 1882, “o que abre o camiño a unha natural continuidade desta publicación”.

Alfeirán salientou a oportunidade que supón a publicación da obra “para rescatar do esquecemento, e dun xeito riguroso, as crónicas dunha tradición cultural e festiva como é o entroido coruñés”. O autor partiu tanto das experiencias “contadas polos seus e as súas protagonistas, en moitos casos xornalistas da época que, despois de participar nos desfiles e bailes, narraban os feitos na prensa e nos folletos que se editaban”, como dos expedientes municipais vencellados ás celebracións, “para facilitalas ou prohibilas”. Deste xeito, o historiador chega á conclusión que a festa, no municipio, “readáptase con cada nova xeración”. “Cada 25 ou 30 anos, froito dunha nova xeración e da evolución histórica e socio-económica da cidade, o Entroido presenta numerosos cambios, aínda que mantén compoñentes comúns que perviven até o día de hoxe”, explicou Alfeirán, como son os choqueiros, o lanzamento de obxectos, o baile de máscaras, o enterro da sardiña, a personaxe do Momo, e o “contrapunto”. “A medida que pasa o tempo, o Carnaval coruñés vai avanzando e socioloxicamente a súa estrutura social diversifícase, presentando así unha dualidade, como é o Entroido de choqueiros, pero tamén o de mascaritas , como vimos o pasado fin de semana no concurso de comparsas”, apuntou na comparecencia Alfeirán, que engadiu: “Cando coinciden eses elementos máis populares cos da institución, fóra das prohibicións ou limitacións, o Entroido na Coruña é apoteósico”.

A presentación pública de Choqueiros. Breve crónica histórica do carnaval coruñés , terá lugar o vindeiro luns, 12 de febreiro, no Circo de Artesáns. O acto, cuxa entrada é libre, comezará ás 20.00 horas. O libro, que estará dispoñible na rede de bibliotecas e centros cívicos municipais, pódese descargar da páxina web municipal www.coruna.gal .

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...