Home » coruna » Currently Reading:

O Concello inaugura a tempada de praias, que este ano se amplía até o 25 de setembro e que conta cun dispositivo especial formado por 55 persoas

junio 16, 2017 coruna No Comments

As concelleiras de Medio Ambiente, María García, e de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, quen posúe as competencias en materia de Seguridade Cidadá, presentaron o dispositivo especial municipal co gallo da apertura da tempada de praias. Nesta edición, a o servizo de Salvamento e Socorrismo estará presente nos areais da cidade desde hoxe, día 15 de xuño, até o 25 de setembro, incrementándose a campaña en 10 días. En concreto este dispositivo, conformado por 55 persoas, estará presente nos areais de Riazor, Orzán, Matadoiro, As Lapas, San Amaro e praia de Oza dende todos os días de 11.00 a 21.00 horas. Fraga destacou que “a gran maioría das persoas integrantes deste cadro de persoal teñen experiencia previa nas praias da Coruña, especialmente en Riazor e Orzán, espazos coas súas singularidades, que é preciso coñecer”.

O servizo especial de salvamento e socorrismo estará formado por 37 socorristas, 2 coordinadoras, 5 xefes de equipo, 4 patróns, dous persoas para asistencia médica, 2 integrantes de persoal de enfermería, 2 técnicos de transporte sanitario e 1 auxiliar de baño. Como o ano pasado, este persoal encargarase de prestar axuda aos e ás usuarias con mobilidade reducida que se acheguen até as praias.

A concelleira de Medio Ambiente salientou que tamén este ano os areais acollerán actividades relacionadas coa educación ambiental, incorporándose tamén accións itinerantes polas praias relacionadas con primeiros auxilios, prevención de afogamentos etc. A este respecto, Fraga quixo destacar que o pasado ano rexistrouse un 25% menos de intervencións nas praias da cidade que en 2015, contabilizándose 692 incidencias.

García, pola súa banda, tamén fixo fincapé da “boa saúde” da que gozan as praias coruñesas. “Iniciamos esta tempada de baño con catro bandeiras azuis e, ademais, co galardón Senda Azul ao Sendeiro Atlántico , que percorre a liña de costa con todo o noso patrimonio natural desde O Parrote até O Portiño, e que divisa as Illas de San Pedro”, dixo. “Ademais das nosas praias, esta cidade conta cuns valores naturais a divulgar e conservar dos que debemos e podemos estar orgullosas e orgullosos. Agardamos que sexan unha satisfacción tanto para as persoas locais como para as visitantes”, explicou.

Por outro lado, os servizos de seguridade do Concello recordan á cidadanía a necesidade de cumprir cunhas medidas de prevención, de cara a reducir posibles incidentes. Estes son:

  1. Respectar a cor das bandeiras que ondean nas praias durante o período oficial de baño: vermella (non se recomenda o baño), amarela (bañarse con precaución) e verde (boas condicións para o baño).
  2. Respectar as indicacións e consellos do servizo de salvamento e socorrismo que traballan nas praias. No caso de que se vexa alguén en perigo, avíseos de inmediato ou chamen ao 112.
  3. Ler atentamente os carteis informativos que están nas entradas das praias e consultar co servizo de salvamento e socorrismo as zonas recomendables para o baño.
  4. Procurar non bañarse só, non afastarse demasiado da beira, nadar en paralelo á liña da praia, non bañarse nunca pola noite e saír da auga se sente frío ou presenta síntomas de cansazo.
  5. Non tomar comidas abundantes antes de bañarse e mollar as articulacións antes de entrar na auga, evitando sempre os cambios bruscos de temperatura.
  6. Non consumir alcol antes de bañarse, xa que diminúe a capacidade de reacción e propicia condutas de risco.
  7. Non tomar o sol durante moito tempo e evitar as franxas horarias de maior irradiación. Estender periodicamente crema solar de alta protección sobre a pel para previr queimaduras e hidratarse a miúdo, sobre todo se vai moita calor.
  8. Vixiar permanentemente aos e ás menores, sobre todo cando se bañan, e evitar que utilicen elementos de flotación como barcas inchables, polo risco das correntes.
  9. 9. Non tirarse de cabeza á auga, sobre todo en zonas con rocas, para previr lesións medulares.
  10. 10. Non utilizar na praia envases de cristal ou vidro, non enterrar cabichas na area e depositar o lixo nos colectores ou papeleiras.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...