Home » coruna » Currently Reading:

O Concello inicia esta semana os traballos de restauración da Porta de San Miguel, “unha actuación que pon en valor un símbolo do patrimonio cultural e histórico da cidade e o seu litoral”

abril 4, 2018 coruna No Comments

​A Concello da Coruña, a través da área de Rexeneración Urbana, iniciará esta semana os traballos de restauración da Porta de San Miguel, cunha actuación que, segundo destaca o concelleiro titular da área, Xiao Varela, “pon en valor un símbolo do patrimonio cultural e histórico da cidade e o seu litoral”. A obra, que ten un tempo de execución previsto dun mes, comprende a recuperación e consolidación dos chanzos visibles da histórica escalinata, así como o acondicionamento da contorna da porta, que foi obxecto dunha escavación en 2013. O responsable municipal explica que a intervención “busca ser efectiva pero, á vez, ter a mínima incidencia posible, xa que non queremos hipotecar ou condicionar intervencións futuras máis extensas que se poidan facer nun ámbito de gran significado simbólico e histórico que representa o estreito vinculo entre esta porta, o Castelo de San Antón e o mar”.

A obra tamén comportará unha mellora visual e ambiental, xa que se consolidará, mediante tratamento vexetal, o noiro deixado pola escavación realizada na zona hai cinco anos. Ao longo da súa beira, ademais, instalarase unha varanda, cuxo trazado servirá para salientar a presenza dos elementos máis singulares do foxo de escavación. “Esta varanda non só acoutará o acceso a zona do foxo, senón que servirá de soporte para contemplar este conxunto patrimonial”, indica Varela, quen sinala que co obxectivo de “facer máis accesible” este conxunto artístico e histórico, a restauración deste espazo inclúe tamén a colocación dun panel informativo.

A actuación tamén servirá para o acondicionamento da contorna. As arquetas e conducións de subsolo que deixou ao descuberto a intervención arqueolóxica serán debidamente acondicionadas. O plano inclinado do noiro que resultou da escavación será aproveitado á vez para aloxar os proxectores dunha nova iluminación ornamental, que mellorará notablemente a imaxe nocturna desta parte da antiga muralla defensiva da cidade. O importe dos traballos ascende aos 30.000 euros.

Varela recorda que este proxecto “enlaza directamente coa importancia que este goberno local lle dá ao patrimonio histórico da cidade, propiedade de toda a veciñanza”. Así, pon de relevo o traballo que está a realizar o executivo con respecto á protección do bordo litoral da cidade, ou a a campaña de restauración e consolidación do xacemento do Castro de Elviña. “Coma neste caso, o noso obxectivo e deber como administración é garantir o coidado e posta en valor da Porta de San Miguel, a máis importante das tres portas de mar coas que contaba a muralla da cidade alta da Coruña”, recorda o concelleiro de Rexeneración.

Historicamente, a característica máis distintiva e salientable da porta era que, unha vez atravesado o lenzo da muralla, presentaba unha escalinata, cuxos primeiros tres chanzos de descenso eran sillares, a partir dos que a escaleira se prolongaba noutros oito tallados directamente na rocha até o bordo do mar. “Estamos ante unha obra arquitectónica especialmente singular xa que esta solución de escalinata non só contribuía á funcionalidade desta porta de mar, senón que achegaba unha valiosa continuidade plástica entre a canteiría da muralla defensiva e as rochas que a soportaban, revelando unha gran sensibilidade por parte dos antigos construtores do borde litoral coruñés”, apuntou o edil.

Grazas á inscrición aínda hoxe existente sobre a porta, sábese que a disposición actual deriva das obras acometidas a finais do século XVI –época á que se corresponden os tres escudos esculpidos en granito no monte de San Pedro– e que, segundo os estudos, se levaron a cabo como parte das melloras do sistema defensivo da cidade tras o asedio de Drake. O feito histórico polo que a porta é especialmente lembrada é que, a través dela, en 1520, Carlos I saíu da cidade rumbo a Flandes para ser coroado. ​“Non obstante, ademais do seu valor histórico, a Porta de San Miguel tamén ten un profundo valor simbólico, xa que a súa escalinata de rochas era unha estampa concorrida nunha cidade mariñeira e representaba a principal vía de comunicación co Castelo de San Antón. A funcionalidade de porta de mar desta infraestrutura deixou de ter sentido na década dos 60 coa execución do recheo das Ánimas”, lembra Varela.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...