Home » coruna » Currently Reading:

O Concello inicia o proceso de reordenación do modelo de xestión da rede municipal de bibliotecas “na aposta pola unificación do servizo a través da remunicipalización, con todas as garantías para os e as traballadoras”

agosto 11, 2017 coruna No Comments

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento trasladará á Xunta de Goberno Local a encomenda á Empresa Municipal de Vivenda, Servizos e Actividades, Emvsa, de iniciar os traballos técnicos previos á asunción da xestión do servizo de bibliotecas de proximidade, dentro do proceso que inicia o Goberno local para a reordenación do modelo de xestión da rede municipal de bibliotecas, do que deu conta este xoves o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande. Igualmente, e como tamén avanzou esta mañá o responsable municipal, o seu departamento levará á Xunta de Goberno de mañá a autorización do gasto e o expediente para a licitación dun contrato “ponte”, que permitirá a xestión transitoria do servizo de bibliotecas, para garantir a prestación do servizo durante o tempo no que se realizan estes estudos con todas as garantías xurídicas para as e os traballadores. Tal e como sinalou Sande, a nova proposta de reordenación do modelo de xestión das bibliotecas municipais responde “á aposta por esta municipalización, e á nosa vontade de buscar opcións e seguir adiante con ela, pese aos bloqueos do Goberno central, a través desta vía, que ademais garante os postos de traballo, unha cuestión que foi en todo momento e segue a ser unha premisa central no noso proceso de remunicipalización”. Neste sentido, remitiuse aos “atrancos do Goberno central a todos estes procesos de municipalización en marcha en todo o Estado, a través da intervención da Avogacía do Estado”, así como ás dificultades derivadas da Lei de Orzamentos Xerais do Estado (aprobada o pasado mes de xuño), que entorpece a vía iniciada polo goberno coruñés en xuño de 2016, data en que a Xunta de Goberno incoaba o expediente de remunicipalización da xestión da rede municipal de bibliotecas.

A proposta de reordenación presentada esta mañá polo responsable de Culturas aposta por un modelo de xestión directa, a través de persoal funcionario, dos servizos centrais, que son os que na actualidade se concentran no edificio municipal de Durán Loriga, e que inclúen tamén a Biblioteca de Estudos Locais e a biblioteca infantil e xuvenil, “o que podería pasar a conformar a futura Biblioteca Central”, segundo apuntou Sande. Do mesmo xeito, contempla a xestión directa da dirección, por parte de persoal funcionario, da totalidade de bibliotecas de proximidade, como son a do centro Ágora, Fórum Metropolitano, O Castrillón, Monte Alto, Rosales e a Sagrada Familia. Tal e como adiantou o concelleiro, a xestión dos servizos bibliotecarios (técnicos e auxiliares) das bibliotecas de proximidade podería realizarse mediante unha sociedade mercantil local pública –como é Emvsa–, en concordancia coa posibilidade que se abre a través do segundo punto da disposición adicional 26 da Lei de Orzamentos Xerais do Estado, que, como citou o concelleiro, permite “que en aqueles supostos nos que excepcionalmente, en cumprimento dunha sentenza xudicial, ou previa tramitación dun procedemento que garanta os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, o persoal referido poida ser incorporado a sociedades mercantís públicas, as incorporacións que se produzan de acordo co previsto (…) non se contabilizarán como persoal de novo ingreso do cómputo da taxa de reposición de efectivos”. “Entendemos que Emvsa cumpre os requirimentos”, fixo notar o edil de Culturas. Do mesmo xeito, Sande indicou que a encomenda que o Concello realiza agora a Emvsa contempla a realización, no seu caso, dun procedemento de concorrencia que garanta os principios de igualdade, mérito e capacidade, e inclúe, ademais, “unha consulta aos órganos competentes da Administración Xeral do Estado, polo cumprimento das esixencias da disposición adicional 26, co fin de garantir en todo momento que o proceso vaia avalado polos informes correspondentes e evitar ningún sobresalto”.

En paralelo a esta encomenda, o Concello licitará á maior brevidade o contrato ponte de servizos complementarios das bibliotecas –cunha duración dun ano prorrogable un segundo, e un importe anual de 2,4 millóns de euros–, que operará no tempo en que Emvsa realiza os traballos encomendados e que, como destacou o concelleiro durante a súa comparecencia de hoxe, estará suxeito á facturación polas horas de servizo que realmente se soliciten polo Concello e se presten por parte da adxudicataria en cada momento, de xeito que permita ao Concello ir reducindo progresivamente o número de horas de servizo solicitadas á empresa a medida en que se vaia incorporando traballadoras e traballadoras da contrata a Emvsa ou, no seu caso, ao Concello. “Deste xeito favorecemos esa incorporación de traballadoras e traballadores e garantimos a súa seguridade xurídica”, subliñou.

Como tamén fixo notar o concelleiro na súa intervención, a aposta pola remunicipalización do servizo de bibliotecas busca acabar unha dobre xestión derivada dun modelo público-privado “que provoca distorsións na xestión interna”, tal e como quedou patente no proceso participativo desenvolvido na rede de bibliotecas nos últimos meses. Neste sentido, Sande recordou que os traballos de elaboración do Plan Estratéxico de Bibliotecas impulsados pola concellería demostran que a internalización de todas as bibliotecas permitiría reordenar o servizo, contribuíndo á mellora da súa eficiencia e incrementando as prestacións ofrecidas á cidadanía, e salientou que o funcionamento dunha rede destas características esixe unha coordinación directa e continuada dos diferentes centros e programas, dificilmente compatible co modelo de externalización. “Entendemos que é necesario conseguir esa unificación en torno a un servizo público a través da remunicipalización e resolver, deste xeito, unha conta histórica pendente”, considerou.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...