Home » coruna » Currently Reading:

O Concello levará a Pleno unha modificación da ordenanza de rehabilitación para aumentar as contías máximas das axudas na Cidade Vella e Pescaría

junio 1, 2018 coruna No Comments

O Concello levará á próxima Xunta do Goberno local, que terá lugar hoxe, unha modificación da ordenanza de Conservación e Rehabilitación de Inmobles para fomentar estas actuacións na Cidade Vella, Pescaría e núcleos tradicionais do municipio. A Concellería de Rexeneración Urbana e Acceso á Vivenda propón, entre outras medidas, un aumento das contías máximas por subvención para os inmobles e os locais comerciais situados dentro da área do Plan Especial de Protección e Reforma Interior da Cidade Vella-Pescaría (Prepi) e a creación dunha axuda complementaria segundo ingresos para a rehabilitación de vivenda en toda a cidade “que permita loitar contra a xentrificación e axude a fixar poboación”. “Fomentar a rehabilitación do casco histórico da cidade, así como o seu dinamismo comercial, é un dos eixes do Plan de Revitalización da Cidade Vella e esta modificación da ordenanza posibilita, precisamente, mellorar a conservación do patrimonio desta área á vez que se aportan ferramentas para abordar os problemas demográficos do barrio e asentar poboación”, indica o edil de Rexeneración Urbana, Xiao Varela. Trala autorización dos cambios por parte da Xunta do Goberno local, a ordenanza será remitida ao Pleno municipal para a súa aprobación inicial.

Tal e como explica o concelleiro, esta modificación inclúe algunhas das medidas xa avanzadas para o Plan de Revitalización do casco histórico. Así, inicia as medidas do eixe ‘Cidade Vella Viva’, a liña do plan sobre vivenda, un ámbito “moi importante e onde se pretende evitar a xentrificación do barrio, para asegurar que a poboación que agora mesmo habita a Cidade Vella poida seguir facéndoo e non sexa expulsada polo aumento dos alugueres”. Como adiantou Varela, neste eido contémplase, entre outras novidades, o aumento das contías das subvencións á rehabilitación en zona Pepri, que introducirán ademais criterios de renda para facilitar o acceso ás persoas con recursos máis limitados.

As vivendas situadas na zona Pepri e nos núcleos tradicionais que estean catalogadas poderán obter ata 12.000 euros, fronte aos 5.000 actuais, para realizar obras de conservación dos elementos comúns, mentres que as edificacións unifamiliares pasarán de ter un límite de 15.000 euros tamén nestes supostos. No caso dos inmobles sen catalogación, as contías xerais para vivenda soben a 9.000 euros, mentres que para vivenda unifamiliar se fixan en 12.000 euros. “O Goberno local leva anos tratando de fomentar a rehabilitación e a execución de obras para a mellora da accesibilidade e a eficiencia enerxética a través dun sistema de axudas financiado con fondos propios, que se reforzou nos últimos tres anos cun aumento do 25% do crédito destinado a estas liñas de acción. Agora consideramos que, dentro dos obxectivos de revitalización da Cidade Vella, é fundamental dar un impulso á rehabilitación nesta área, pero tamén nos núcleos tradicionais”, apunta Varela. Neste sentido, unha das modificacións propostas é a diferenciación dos máximos por vivenda colectiva ou unifamiliar, a edificación máis típica dos núcleos tradicionais, “xa que son espazos especialmente sensibles e que sofren unha presión urbanística constante”. Ademais, a modificación prevé un aumento das porcentaxes máximas dos edificios sen catalogación en todo o ámbito da cidade que pasan do 10% ao 30%.

A proposta inclúe a extensión de criterios de renda, como unha axuda complementaria, en todas as categorías de subvención á rehabilitación, que existen actualmente para a mellora enerxética, instalación de ascensor ou adaptación á normativa cando non é a residencia habitual dunha persoa con diversidade funcional. Segundo a norma vixente, o máximo de axuda subiría do 10% que ten como límite actual a un máximo do 30% por motivos de ingresos familiares. A modificación propón –ademais de subir o tope do 10% ao 30% para todos os casos– a creación dunha axuda a maiores do 30% máis, que non pode superar o 80% do custo da obra. Este complemento estaría graduado en tres tramos segundo os ingresos anuais calculados en referencia ao IPREM. Ademais, nas obras de instalación ou adaptación de ascensores á normativa vixente e outras actuacións para a mellora da accesibilidade equipáranse as axudas que poden recibir as persoas residentes de máis de 70 anos aos casos de persoas con mobilidade reducida. Ambos terán axudas do 50% con 6.000 euros de límite por vivenda e 9.000 para inmobles unifamiliares.

Os locais comerciais da zona Pepri tamén poderán optar a axudas de maior contía se a modificación da ordenanza conta co respaldo do Pleno. A porcentaxe da axuda sobre o total do investimento incrementarase do 25% ao 50% cun límite de 12.000 euros. Esta medida encaixa co obxectivo de dinamización comercial do plan de revitalización da zona, a chamada liña ‘Cidade Vella Dinámica’ que contará cunha folla de ruta específica que está a desenvolver a Concellería de Emprego e Economía Social.

Comment on this Article: