Home » coruna » Currently Reading:

O Concello pon en marcha o servizo de salvamento e socorrismo nas praias da cidade, que este ano contará cun equipo formado por 65 persoas, 10 máis que en 2017

junio 16, 2018 coruna No Comments

As cinco praias urbanas da Coruña (Riazor, Orzán-Matadoiro, As Lapas, San Amaro e Oza), todas con bandeira azul, contan dende esta xornada e, como mínimo, até o próximo 30 de setembro, con servizo de socorrismo. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, que ten as competencias en materia de Seguridade Cidadá, visitou ás praias da cidade e salientou que o dispositivo de seguridade medra este ano de 55 a 65 persoas, entre as que se atopan 45 socorristas con titulación específica, 7 patroas de embarcación, 2 persoas coordinadoras, 2 técnicas de emerxencias sanitarias, 2 enfermeiras, 2 médicas, 2 auxiliares de baño, unha encargada de material e dúas persoas encargadas de actividades. Este persoal, segundo especifica o contrato, ademais de atender á poboación en xeral, prestará axuda aos e ás usuarias con mobilidade reducida que se acheguen até Riazor. O horario de atención será de 11.00 horas a 21.00 horas.

“Este ano o que pretendemos é que ademais de atender á poboación ante casos de risco, o servizo de socorrismo da cidade tamén cubra un labor de formación, sensibilizando á veciñanza dos problemas ambientais e dando a coñecer a cantidade de residuos que deixamos neles”, comentou Fraga. O servizo de socorrismo nas praias coruñesas comezou, como todas as tempadas, a desenvolverse o 15 de xuño, desta vez, a través dunha contratación de urxencia, feito debido a que a adxudicación definitiva non se puido aínda resolver ao pesar sobre ela un recurso, sobre o que mesmo se pronunciou o Tribunal de Recursos Contractuais de Galicia.

“Fomos informadas por parte deste órgano de que se estimaba o recurso da empresa licitadora que o presentou de forma que a mesma, Move, resulta adxudicataria do contrato. Non obstante, nestes momentos, como dicimos, hai outra empresa que está a levar a cabo este contrato de emerxencia, que expirará no momento no que se formalice o contrato definitivo”, comentou a responsable municipal, quen indicou que, nese momento, darase conta das “melloras de servizo que veñen aparelladas coa adxudicataria definitiva e que forman parte da oferta coa que se presentou ao proceso de adxudicación”.

“Coma sempre, ao longo destes meses, a pesar que contamos co servizo de socorrismo, imos insistir moito na responsabilidade que debe amosar a propia veciñanza, que debe respectar as indicacións e consellos do servizo de salvamento e socorrismo, así como chamar ao 112 no momento no que detecten algún perigo”, advertiu a concelleira, que recomendou tamén “ler atentamente os carteis informativos que están nas entradas das praias e consultar co servizo as zonas máis recomendables para o baño”. “O pasado ano, atendéronse nas praias 599 incidencias. A maioría derivaban de feridas de distinta consideración, aínda que houbo 13 casos de persoas rescatadas da auga”, recordou.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...