Home » Sucesos » Currently Reading:

O Concello ponse a disposición das entidades comerciais e hostaleiras da cidade ante o temporal da fin de semana e convoca para hoxe unha xuntanza para valorar as consecuencias nestes sectores

julio 3, 2018 Sucesos No Comments

​O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, vén de convocar a 12 entidades comerciais e da hostalería da cidade a unha reunión este martes no Pazo de María, que estará presidida polo alcalde, Xulio Ferreiro, e no que se fará balance dos danos que tivo no sector o temporal vivido a pasada fin de semana na cidade. A intención do goberno local é poñerse a disposición das asociacións de comercio de cara a minimizar as consecuencias que tivo a tromba de auga e que afectou a varios locais comerciais da cidade.

O departamento dirixido por Alberto Lema convocou para este martes a representantes tanto da Federación Provincial de Comercio, como Federación Unión Coruñesa de Comercio (FUCC), ademais de a Asociación Comercial e Empresarial da Cidade Vella (ACECA), a Asociación de Comerciantes Distrito Mallos, a Área Comercial Distrito Picasso, Área Comercial Obelisco, Asociación Gran Área Comercial Riazor, Asociación Zona Zero Coruña e Asociación de Comerciantes Fernández Latorre-Catro Camiños. Por outro lado, tamén foi convocada a Asociación de Hostalería da Mariña, a Asociación de Hostalería da Coruña e o colectivo Coruña Cociña.

Lema salienta que, xa nas horas posteriores á treboada, os servizos de seguridade do Concello atenderon 35 incidencias tanto en locais comerciais como en inmobles de particulares derivadas, na súa maioría, da entrada da auga. “A situación vivida esta fin de semana foi realmente excepcional dada a cantidade de auga caída (entre as 17.00 e as 17.30 horas contabilizouse unha media de 20 litros por metro cadrado), o que, unido á situación de preamar, evitou un desaugue normalizado, aínda a pesar de que a rede de saneamento e as estacións de bombeo funcionaron correctamente”, recordou, á vez que puxo en valor “o traballo realizado tanto polos Bombeiros como polo resto de servizos de seguridade da cidade, que axudaron a normalizar a situación nun tempo récord”. “Agora, atendidas xa as incidencias máis inmediatas, toca facer balance das consecuencias no sector e ver que medidas podemos poñer en marcha para minimizar os danos provocados”, indicou.

Comment on this Article: