Home » coruna » Currently Reading:

O Concello presenta a programación do 70 aniversario da Banda Municipal de Música, “que renovará o seu repertorio e potenciará a colaboración con axentes locais”

octubre 28, 2017 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, presentou no Pazo de María Pita a programación de concertos desta tempada da Banda Municipal de Música, ocasión na que a agrupación musical celebrará o seu 70 aniversario da súa formación cun programa no que terán cabida diversos repertorios e estilos musicais. O rexedor destacou que a Banda, “unha das máis recoñecibles representacións do patrimonio musical e cultural que posúe a cidade”, terá este ano catro eixos de actuación, entre os que se inclúen a renovación do seu repertorio, o traballo con axentes locais ou a súa proxección cara ao exterior. “Nesta 70a tempada, o goberno local quere impulsar unha nova etapa na agrupación, abrindo a posibilidade de achegar novas composicións vinculadas a Galicia a través dun concurso, ou dar a coñecer por todo o país a excelencia da banda, a través de colaboracións, por exemplo, coa agrupación municipal de Santiago de Compostela”, sinalou o alcalde. Ademais, a Concellería de Culturas fomentará, “ao igual que noutros proxectos da área”, a colaboración da banda co tecido musical local, “como é co Conservatorio, a Escola Municipal de Música ou outras entidades sociais da cidade”, explicou Ferreiro, quen salientou, como outra das principais novidades deste ano, a incorporación de Juan José Ocón como director titular. “Tras un primeiro concerto como convidado no mes de marzo, e as últimas actuacións tanto nas Bárbaras ou no Rosalía, comeza un camiño que percorrerá en común cos membros da agrupación, a cidade e a súa veciñanza, que sempre semostraorgullosadasúaBanda”,afirmouoprimeiroedilcoruñés.

Pola súa banda, Juan José Ocón mostrouse “entusiasmado” ante o inicio dunha tempada “interesante e para todos os públicos”, na que espera “celebrar o aniversario que tanto a banda como o Concello e a cidade merecen”. “A Banda ten un nivel musical moi elevado, e contará cunha programación na que incorporaremos obras musicais dos últimos anos, pero na que tamén traballaremos con novas composicións e con directores convidados de moito talento, como teremos ocasión este trimestre con Javier Viceiro ou Juan Lois Diéguez”, sinalou Ocón. “Entre as nosas liñas de traballo, ademais, estará dirixirnos e colaborar coas novas xeracións de músicas e músicos da cidade, a través de repertorio común, ou a creación de novos públicos, ademais de colaborar co tecido social na cidade na programación da cidade, en especial con colectivos que traballan no eido da diversidade funcional”, avanzou o director titular da Banda Municipal. Entre as propostas para visibilizar e potenciar a agrupación coruñesa, Ocón destacou a colaboración co profesor de Jazz do Conservatorio Superior Roberto Somoza, “para facer unha pequena xira coa súa obra por diversas localidades de Galicia”.

De cara ao último trimestre do ano, a Banda Municipal ofrecerá dous concertos no Teatro Rosalía de Castro en horario de tarde –16 de novembro e 21 de decembro–, dando continuidade así ao ciclo regular Os seráns no Rosalía, posto en marcha o ano pasado ; e tres actuacións no Pazo da Ópera, que terán lugar, como é habitual, os domingos ás 12.15 horas –os días 29 de outubro, 26 de novembro e 17 de decembro–. As cinco citas serán, como é habitual, gratuítas e abertas a toda a cidadanía.

O primeiro concerto terá lugar este domingo, 29 de outubro, ás 12.15 horas. A Banda Municipal interpretará a Sinfonía No1 O señor dos aneis , de Johan de Meij. No mes de novembro, no marco de Os seráns no Rosalía , o día 16, ás 20.00 horas, ofrecerase un repertorio especial baixo o título Variacións. O día 26, Javier Viceiro porase ao fronte da agrupación no Pazo da Ópera, ás 12.15 horas. Xa en decembro, o día 17, terá lugar o Concerto de Nadal, que será tamén no Pazo da Ópera ás 12.15 horas. Finalmente, a banda pechará o trimestre o día 21 cunha nova sesión de Os seráns no Rosalía , baixo a dirección do director convidado Juan Lois Diéguez. Como é habitual, esta a actuación comezara ás 20.00 horas.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...