Home » coruna » Currently Reading:

O Concello presenta a programación do Orgullo LGBTQI 2018 da Coruña, “unha proposta ambiciosa e diversa que reivindica e recoñece as loitas das persoas trans”

junio 7, 2018 coruna No Comments

A Coruña celebrará desde o vindeiro venres, día 8, até o 2 de xullo o Orgullo LGTBQI. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, presentou a programación municipal que, tal e como apuntou, afonda no traballo do goberno local “por promover que ningunha persoa sexa obxecto de discriminación pola súa expresión de xénero, identidade ou orientación sexual”. Así, baixo o lema ​Visibiliza-T. Transformando A Coruña, o Orgullo coruñés de 2018 “salienta a necesidade de unir forzas na reivindicación e recoñecemento das loitas das persoas trans, da súa coraxe e resistencia, e no apoio ás súas demandas de igualdade de dereitos e despatoloxización”, explicou a concelleira, quen lembrou que o municipio adheriuse, en outubro de 2015, ao Manifesto da Rede Internacional pola Despatoloxización Trans.

A imaxe do cartaz da celebración une a bandeira do arco da vella coa bandeira trans, “para trasladar a idea de unidade na acción pola igualdade dos dereitos das persoas LGTBQI”, explicou Fraga. Neste sentido, e tal e como salientou a concelleira, tanto o lema, a idea do cartel e a programación “elaboráronse, como nestes dous últimos anos, coa colaboración cos colectivos e entidades LGTBQI da cidade”. “Nesta ocasión, ALAS A Coruña e Amizando participaron na elaboración dun programa diverso, que reflexa o conxunto de sensibilidades e intereses dentro do colectivo, para incorporar así iniciativas que incorporen unha perspectiva interseccional, así como outras realidades minorizadas”, expuxo a edil.

Como resultado, a programación arrincará o vindeiro venres, 8 de xuño, coa inauguración, aberta á cidadanía, da rúa Elisa e Marcela, que se sitúa en San Roque de Fóra, entre a praza da Tolerancia e o Paseo Marítimo. O acto, que comezará ás 12.30 horas, contará coa presenza do alcalde, membros do goberno local e da Corporación municipal así como con representantes do colectivo LGTBQI.

Outro dos eventos destacados do programa, segundo a responsable de Igualdade e Diversidade, será a manifestación do día 28, “organizada e liderada polos movementos sociais, pero que conta co apoio do Concello”. A convocatoria será ás 20.00 horas, no Obelisco, e o grupo percorrerá a avenida da Mariña até chegar a Praza de María Pita. Dúas xornadas despois, o sábado 30 de xuño, terá lugar outro dos festexos máis destacados da programación, como é a ​Festa polos dereitos e as liberdades LGTBQI. Comezará ás 19.00 horas e contará coas actuacións da cantautora Alicia Ramos, Las Bajas Pasiones, Marina e Pedriño DJSet. O acto, que presentarán Enfant Bello e Coco de Vil, ofrecerá unha mostra protagonizada polo alumnado dos obradoiros que se impartirán ao longo do mes, e contará con mesas informativas de entidades e organizacións sociais da cidade.

Xa na xornada do domingo 1, a veciñanza tamén poderá participar nunha acción de visibilización LGTBQI promovida por ALAS, e que dá continuidade á intervención feita hai un mes co gallo do Día da Visibilidade Trans. A partires das 17.00 horas, procederase ao pintado colectivo de dous bancos nos Xardíns de Méndez Núñez, á altura do Palco da Música. “Estes son só algúns exemplos cun mes ateigado de actividade, dunha programación ambiciosa que referenda tamén o traballo que se desenvolve, de xeito coordinado cos colectivos, ao longo de todo o ano”, aseverou Rocío Fraga.

Cine e exposicións

Este xoves, 7 de xuño, comezarán as sesións de cinema vinculadas á celebración. Así, o Fórum Metropolitano proxectará a película ​120 battements par minute, de Robin Campillo, e o Espazo Diverso programará dúas sesións do ciclo de videoforum ​Outras Miradas.​ Así, o día 26, proxectarase no centro cívico da de Labañou o documental ​Yes, we fuck!, que reivindica a liberdade afectiva e sexual das persoas diversas funcionais; mentres que o 2 de xullo, no centro cívico da Cidade Vella –no que se atopa o Espazo Diverso–, poderase ver ​Tongues United, ​unha película de non ficción do ano 1989 que mostra as discriminacións vividas polos homes negros homosexuais dos Estados Unidos.

Ademais, no equipamento municipal da Cidade Vella poderase ver, desde o 15 ao 30 de xuño, a exposición sobre o cómic ​¿Hay alguien ahí?​, da ilustradora coruñesa María Álvarez Hortas ‘Yupiyeyo’, no que, desde unha perspectiva chea de humor, aborda a vida dunha muller lesbiana. A inauguración da mostra, na que estará presente a autora, comezará ás 19.00 horas o propio venres 15.

Faladoiros e obradoiros

Esta mesma fin de semana comezarán tamén distintos obradoiros “nos que a veciñanza se poderá visibilizar bailando e actuando”, apuntou a concelleira. As propostas inclúen os seguintes talleres: Drag Reinas Cutres, Voguing, Tango Queer, Pole Dance e QueeCabaresque. Para poder participar nos mesmos, será necesario formalizar a inscrición a través do Espazo Diverso, no teléfono 981.189.889 ou no correo electrónico ​espazodiverso@coruna.es

A programación do Orgullo coruñés tamén inclúe faladoiros abertos á cidadanía. Así, o martes 19 de xuño, ás 19.00 horas na Casa Museo Casares Quiroga, terá lugar a charla ​Lexislación trans: realidades e retos, na que participarán Daniela Fernández (Amizando), Sara Romero (ALAS A Coruña) e Miguel Vieiro (letrado da asociación Arelas). Á semana seguinte, o mércores 27 de xuño, no mesmo equipamento municipal, ás 19.00 horas comezará o faladoiro D​elitos de odio LGTBifóbicos​, no que participará o equipo de xestión policial da diversidade da Policía Local da Coruña, Carlos Emilio Mella (Observatorio coruñés contra a LGTBIfobia), Rubén López (Observatorio madrileño contra a LGTBfobia), Milagros Otero (Valedora do Pobo) e María Olga Serrano Pedrós (fiscal delegada de Delitos de Odio e Discriminación da Fiscalía Provincial da Coruña).

Actividades nas bibliotecas municipais

As Bibliotecas municipais da Coruña súmanse un ano máis á elaboración da programación, coa organización de diversas propostas que inclúen contacontos, exposicións ou faladoiros. Todas elas centralizaranse na biblioteca do centro Ágora. Así, o mércores 13 de xuño, ás 19.00 horas, o club de lectura Queeruña promove unha conversa aberta sobre o texto Posiciones Geográficas, de Susana Tratnik. O mesmo equipamento acollerá o mércores 20 de xuño, ás 19.00 horas, oContaconto LGTB para persoas adultas Monstro Rosa​, con Violeta Seoane e Guadalupe Soto e, de seguido, ás 20.00 horas, terá lugar a conversa aberta con Remedios Vázquez e Cristina Ameijeiras sobre ​O tratamento das diversidades sexuais na literatura infantil​. Finalmente, o xoves 21, a partires das 18.45 horas, producirase o encontro aberto sobre diversidade sexualTRANSformando o mundo,​ tomando como punto de partida a novela​ 22 segundos​, de Eva Mejuto.

Concurso de fotografía

Ademais, por segundo ano consecutivo, a Concellería convoca o Concurso de Fotografía OrgulloLGTBQI VisibilizaT ​para visibilizar, a través das redes sociais, o recoñecemento dos dereitos e liberdades afectivo-sexuais. As persoas interesadas en participar, deberán ser maiores de 14 anos, contar cun perfil público en Instagram así como engadir o cancelo #VisibilizaT ás súas publicacións nesta rede. Para consultar a programación deste concurso, ao igual que toda a programación da celebración, pódese visitar o web ​www.coruna.gal/igualdadediversidade​.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...