Home » coruna » Currently Reading:

O Concello reforzará os itinerarios de inserción laboral feminina e os servizos de conciliación dentro da nova Estratexia de Igualdade no Emprego 2020

febrero 1, 2018 coruna No Comments

A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, e o titular do departamento de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, presentaron a Estratexia de Igualdade no Emprego 2020, que ten como obxectivo avanzar na empregabilidade das mulleres dentro do ámbito municipal e marcar a ruta de actuacións do Concello para promover o acceso ao traballo, “especialmente daquelas vulnerables e de colectivos minorizados e en risco de exclusión social, así como impulsar o empredemento”, tal e como apuntou Fraga. A concelleira explicou que as accións da estratexia teñen en conta as demandas recollidas no traballo previo de entrevistas a persoas desempregadas e expertas do ámbito da empregabilidade, e se centran en facilitar a conciliación para igualar as condicións de acceso aos programas de formación, a asignación de persoal técnico específico con maior capacitación en materia de igualdade, a mellora dos itinerarios integrais de emprego, un fortalecemento do enfoque de xénero nas actuacións municipais e un impulso ao fomento da contratación de mulleres no emprego público, así como a consolidación de cláusulas sociais nas licitacións e contratos municipais.

Tal e como sinalou a concelleira, a estratexia conta con medidas de impulso á inserción laboral, como a creación de bolsas de prácticas en empresas, estudos na prospección laboral dirixidos ás mulleres, reforzo dos itinerarios integrais existentes con orientación de xénero ou melloras na conciliación para que as mulleres coidadoras poidan acudir a cursos de formación e entrevistas de traballo. “Levamos propostas que van máis alá de buscar a mellora da conciliación na atención menores, na que xa temos un servizo de canguraxe que imos reforzar, necesitamos otras posibilidades porque as personas coidadoras non só coidan menores senón que teñen outras persoas a cargo”, avanzou Fraga. Ademais, reforzaranse os programos formativos de habilidades laborais, con especial foco en coletivos “como mulleres migrantes e mulleres que sufriron violencia de xénero”, destacou a concelleira. Estas medidas contan tamén cun impulso no emprendemento, unha área “na que xa hai moitas colaboracións que están dando os seus froitos”, e na que se apostará por mellorar a formación e a difusión da cultura emprendedora entre as mulleres, especialmente en sectores de potencial crecemento como a tecnoloxía, a economía verde ou as industrias creativas.

Estas actuacións complementaranse con outras transversais, que como indicou Fraga introducirán a perspectiva de xénero explícita a outras actividades municipais. Así, o Concello reforzará as cláusulas sociais dentro das contratacións e licitacións municipais –implantadas no ano 2016– para evitar, por exemplo, diferenzas de salario entre homes e mulleres, entre outras cuestións. Será tamén o caso do Observatorio Sociolaboral, “no que se unifican o Observatorio Urbano de Emprego e Emprendemento, e o Observatorio Municipal de Igualdade e Diversidade que o goberno local porá en marcha través dos fondos DUSI”, segundo lembrou Fraga, e que incluirá esta visión nos seus traballos de prospección laboral e reforzará a desagregación por xénero e idade dos datos que manexa para mellorar o coñecemento da situación laboral das mulleres. A comunicación e sensibilización continuarán a ter un papel fundamental na visbilización do emprego feminino, cun evento anual que se celebrará no marco dunha campaña “máis xeral”, segundo apuntou a responsable municipal de Igualdade, quen adiantou que tamén haberá accións de sensibilización empresarial ou de promoción dos distintivos empresariais de Responsabilidade Social Corporativa e de Traballo Decente.

Situación de emprego feminino na cidade

O concelleiro Alberto Lema, pola súa banda, expuxo a metolodoloxía seguida polos servizos municipais á hora de elaborar a estratexia, e que partiu da situación actual de emprego feminino na cidade, “na que o alto nivel de formación non se corresponde coa calidade da empregabilidade”. Así, tal e como sinalou o edil, a iniciativa, que partía da “necesaria coherencia” co Plan de Emprego Municipal aprobado en febreiro de 2016, foi elaborada de xeito participativo, a través da análise de datos de fontes documentais e estatísticas –SEPE e datos de afilación á seguridade social–, de entrevistas a unha ducia de axentes clave no ámbito do emprego e do emprendemento, e dúas mesas de traballo –formadas por persoal técnico municipal, así como por diversos axentes do ámbito público e académico, e do tecido empresarial e sindical–.

En relación á análise socioeconómica das estatísticas, realizada polos servizos municipais á hora de poñer en marcha o deseño desta estratexia, o titular da área de Emprego e Economía Social sinalou que as mulleres representan o 53,6% da poboación da Coruña, e na franxa de idade a partir dos 65 anos, “supoñen o 60,1%”. En canto ao nivel de formación, Lema expuxo que o 24,2% das mulleres residentes no termo municipal contan con estudos superiores, e un 23,6% dispón de estudos medios –FP ou Bacharelato–. A este respecto, o concelleiro destacou o diferencia de 10 puntos en canto á taxa de estudos superiores na poboación, “sendo un 55% mulleres e un 45% homes, un dato que, sen embargo, non se corresponden tanto co emprego como coa calidade do mesmo”.

En relación aos datos de actividade económica, os rexistros de decembro de 2017 sinalan que das 89.240 persoas afiliadas á seguridade social na Coruña, 46.575 son mulleres, “o que supón un 52% da cifra total, o que tamén ten coherencia coa taxa poboacional”, explicou Lema, quen tamén sinalou que, en relación aos datos da SEPE do mesmo mes, “o 54% das persoas paradas na Coruña son mulleres, unha disparidade que chama á atención, e que se pode deber a que o 96,1% do emprego feminino se concentra no sector servizos, que conta unha elevada taxa de temporalidade”. Neste sentido, o titular da área de Emprego e Economía Social aseverou que a maior parte das mulleres en situación de desemprego concéntrase “en tres grandes bolsas”, como son o sector do comercio xeral (18,6%) e, en menor medida, nas actividades administrativas e servizos auxiliares (13,8%), hostalería (11,8%). “A reforma laboral abriu a man ás contratacións, pero tamén a que as persoas sexan dadas de baixa con moita máis facilidade. O reto deste Concello, así como doutras administracións que teñen maiores competencias en materia de Emprego e capacidade normativa, debe ser implantar políticas que desestacionalicen esa demanda”, sinalou o concelleiro de Emprego, quen engadiu que, en referencia á brecha salarial que existe no Estado entre homes e mulleres, “cómpre esquecer medidas paliativas e que se normatice, mediante os convenios colectivos, a equiparación salarial”.

Comment on this Article:







*

A %d blogueros les gusta esto: