Home » coruna » Currently Reading:

O Concello subscribe un convenio marco estable de colaboración coa Universidade “para afondar, en común, no desenvolvemento social, cultural e económico da Coruña”

diciembre 6, 2017 coruna No Comments

O alcalde, Xulio Ferreiro, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron o convenio que senta as bases do marco estable de colaboración entre ambas as dúas institucións de cara á cooperación nos campos de interese común, como poden ser o científico, técnico e cultural. O acordo, que o rexedor rubricou no Pazo de María Pita, permitirá estreitar as relacións mutuas, axuntar esforzos e establecer normas amplas de actuación comúns, que canalicen dentro do acordo os contactos e colaboracións a desenvolver entre a administración local, a UDC e os organismos ou empresas dependentes de ambos. Tal e como destaca Ferreiro, a medida “referenda a aposta polo traballo en común que estamos a realizar desde ambas as dúas institucións co obxectivo de favorecer o desenvolvemento social, cultural e económico da Coruña”. “Coidar e ampliar a cooperación e a colaboración cunha das entidades públicas máis relevantes da cidade é sen dúbida unha prioridade para este goberno, como vén demostrando ao longo destes dous anos. Hoxe damos un novo paso para referendar o noso compromiso coa educación e cunha institución de servizo público que promove a investigación, a innovación e o coñecemento da ciencia e da cultura, así como da súa difusión”, defende o alcalde.

O desenvolvemento do convenio marco de colaboración favorecerá a elaboración de estudos técnicos ou a formación permanente do persoal de ambas entidades, e materializarase en programas e/ou proxectos de actuación promovidos por servizos, organismos ou empresas dependentes tanto do Concello como da Universidade. Así, o acordo contempla a execución de proxectos e programas de investigación, a prestación recíproca de servizos técnicos, infraestruturas e asesoramento mutuo, cooperación en programas de formación permanente do cadro de persoal investigador, técnico ou mesmo do alumnado; a organización e execución de actividades comúns relacionadas coa promoción social da investigación e o desenvolvemento tecnolóxico; a innovación social, a igualdade e a diversidade; a sustentabilidade, o medio ambiente e a loita e adaptación o cambio climático; e, en xeral, os estudos e actividades que redunden no desenvolvemento económico e social da Coruña

Para a execución dos programas e ou proxectos de actuación, redactaranse convenios específicos, e deberán ser aprobados polos órganos competentes de ambas institucións. Ademais, nun prazo de trinta días constituirase unha comisión mixta paritaria –conformada por representantes de cada unha das partes– que terá, entre as súas funcións, estudar e decidir sobre as propostas de programas e proxectos a desenvolver, realizar o seguimento e avaliación das iniciativas aprobadas, así como determinar a propiedade industrial dos resultados obtidos cos programas e as condicións nas que se realizará a explotación dos mesmos, entre outras cuestións.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...