Home » coruna » Currently Reading:

O Concello traballará coas entidades de comercio e hostalería de cara a confeccionar “un mapa exacto das incidencias e danos provocados polo temporal de auga”

julio 4, 2018 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema acordaron esta mañá coas entidades e asociacións de comercio de hostalería da cidade que estas realicen un labor de intermediación cos negocios, de cara a que a administración local poida confeccionar un mapa exacto das incidencias e danos provocados a nivel particular polo temporal de choiva da pasada fin de semana. Os responsables municipais trasladaron esta petición aos e ás representantes das entidades da cidade coas que se reuniron esta mañá no Pazo de María Pita: a Asociación de Hostalería da Coruña, o colectivo Coruña Cociña, a Federación Provincial de Comercio, a Asociación de Comerciantes Distrito Mallos, a Área Comercial Distrito Picasso e a Área Comercial Obelisco.

En declaracións ante a prensa, logo da xuntanza, o rexedor manifestou que o goberno local solicitou a colaboración destas entidades de cara a obter información sobre o número de persoas con locais afectados polo temporal, así como poder ter unha valoración inicial dos danos. “Moitos dos locais, tanto comerciais como de hostalería afectados, teñen contratos con aseguradoras. Non obstante, o Concello quere poñerse a disposición das persoas afectadas para poder axudalas no que sexa necesario”, dixo o rexedor, que insistiu en que “para ver que pasos pode dar tanto o Concello como, se fose o caso, outra administración, é necesario antes ter unha foto clara dos desperfectos”. Os servizos de emerxencia do Concello atenderon entre a tarde e á noite do sábado 35 incidencias de particulares de locais comerciais aínda que o alcalde explicou que puideron rexistrarse perdas e danos non comunicados.

Por outro lado, e en canto ás consecuencias do temporal no espazo público, o alcalde confirmou que “non se rexistraron especiais danos”, se ben nestas xornadas as empresas concesionarias están a facer unha análise máis polo miúdo do funcionamento dos bombeos. “Xa non o detectamos durante a fin de semana pero, ademais, non temos ningún dato que nos leve a pensar que houbo algún problema”, dixo Ferreiro. “O que ocorreu a fin de semana deriva dunha situación de choivas extraordinariamente intensas nun período moi corto de tempo, algo que, unido á preamar, dificultou moito o desaugue, sobre todo naquelas zonas ao nivel do mar”, recordou. “Non obstante, os bombeo de San Roque, por exemplo, funcionou de forma correcta durante todas as horas do temporal, como dá mostra o feito de que a auga se achicou nunhas horas”, dixo.

Así, o primeiro edil quixo poñer de relevo o traballo que dende 2015 está a desenvolver o goberno local para mellorar o estado da rede de saneamento da cidade. “Esta rede ten a capacidade que ten, e a fin de semana viviuse unha situación de excepcionalidade, pero a realidade tamén é que levamos xa tempo realizando numerosas actuacións de mellora, como por exemplo a separación de pluviais e o saneamento, dado que a rede non é separativa en toda a cidade”, dixo. Así, o mandatario aludiu a importantes intervencións neste sentido levadas a cabo en Entrexardíns, Palavea, rúa da Torre, San Vicente, en Nostián, a rúa Páramo ou Capitán Juan Varela e a outras que se executarán proximamente. De feito, a Xunta de goberno local deu luz verde recentemente ao proxecto de recollida de pluviais entre Juan Flórez e a praza de Ourense, cuxo orzamento base de licitación ascende a preto de 395.000 euros (con IVE). Trátase dunha actuación que ten un prazo de execución previsto de 14 meses e que consiste na execución dunha rede de pluviais que faga separativa a recollida de augas no encadeado de rúas que descenden dende Juan Flórez até a praza de Ourense.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...