Home » coruna » Currently Reading:

O edil José Manuel Sande presenta a nova programación de ‘Coruña Gráfica’, que ofrece desde o xoves “unha chea de actividades para todos os públicos arredor do humor gráfico”

noviembre 28, 2017 coruna No Comments

A Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento presentou Desde Coruña con humor, a nova programación impulsada pola área que dirixe José Manuel Sande en relación a Coruña Gráfica, a guía profesional de ilustración, animación, banda deseñada e humor gráfico da Coruña. Tal e como sinalou o edil, este “aluvión de actividades que teremos contra o final de ano, e que vén acompañado dunha actualización e ampliación da guía, chega nun momento bastante axeitado, tanto pola efervescencia de autoras e autores que ten a cidade, como polo momento de restrición que se vive en relación ás liberdades”. “Precisamente hoxe presentamos un monográfico dedicado a un dos piares deste proxecto, como é o humor gráfico, ao que se dedicarán unha exposición, xornadas e parladoiros, así como obradoiros dirixidos ao público infantil”, explicou Sande, quen lembrou o “fondo compromiso do goberno local co sector”. “Vémolo en Coruña Gráfica, pero tamén no impulso a Viñetas desde o Atlántico, na aposta polo cartel de autor nas festas da cidade, como entroido ou María Pita, ou a través da especialización da sala de exposicións Salvador de Madariaga”, dixo o edil, quen estivo acompañado pola vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o coordinador do proxecto, o debuxante Manel Cráneo.

A guía profesional Coruña Gráfica naceu en xaneiro de 2016 en formato papel e dixital co obxectivo de dar a coñecer a obra das e dos artistas locais vinculados coa animación, ilustración, banda deseñada e humor gráfico. Entre as principais novidades que se presentaron hoxe, e que contan co apoio da Deputación provincial, sitúase a ampliación do formato dixital do documento, que pasa a contar con 92 artistas –das e dos 69 iniciais– locais ou con vinculación coa cidade e, de cara a súa internacionalización, a nova edición inclúe unha versión traducida ao inglés. “O obxectivo segue a ser converter esta plataforma nun escaparate para dar a coñecer das e dos artistas dunha cidade que é, realmente, moi rica neste sector”, explicou Manel Cráneo. “Aínda que moitas e moitos contan cunha longa traxectoria, para outras persoas é máis complicado realizar o labor de promoción alén do ámbito local ou galego. Agora, ademais de contar coa versión bilingüe galego-castelán da guía, coa que procuramos o ano pasado chegar a todo o mercado estatal, temos unha web e unha versión en inglés coa que procuraremos dar a coñecer as creadoras e os creadores da Coruña por países como Inglaterra, Francia, Italia ou Estados Unidos, que contan cun potente mercado neste sector”, sinalou o debuxante, quen tamén deu a coñecer a nova páxina web da iniciativa, www.corunagrafica.com , na que se poden consultar desde hoxe as fichas das creadoras e dos creadores, ademais de novidades do sector, feitos históricos ou unha guía de clientes, “para poñer por escrito as boas prácticas nas relacións profesionais que se poidan establecer entre entidade interesada e artista”, afirmou Cráneo.

Monográfico de humor gráfico

A nova programación do proxecto inclúe, desde este xoves, a mostra Desde Coruña con humor, que acollerá a sala municipal de carácter especializado neste eido, como é a Casa de Cultura Salvador de Madariaga. Será unha mostra colectiva co traballo de 18 autoras e autores que desenvolven a súa obra arredor do humor gráfico, “que se está a converter, nos tempos que vivimos, nunha profesión de risco”, sinalou Sande, quen aludiu, precisamente, a que o cartaz da exposición fai referencia “aos e as axentes segredos”. Segundo explicou, a exposición contará con visitas guiadas, “na que se achegará a cara máis satírica das e dos artistas, convertidos en axentes especiais, así como a máis crítica coa sociedade e desde un ton máis social”.

Con respecto á perspectiva de xénero, Cráneo salientou que da nómina de 92 persoas que forman parte da guía, “só dúas mulleres, María Álvarez Hortas ‘Yupiyeyo’, e Xulia Pisón, fan humor gráfico”.

Ao fío, unha das actividades que se desenvolverán esta fin de semana serán as xornadas Humor con tetas, “nas que reflexionaremos, desde o feminismo, sobre o estado actual do humor gráfico e valorar por que nos medios de comunicación, e en concreto na prensa escrita, non hai practicamente mulleres que estean facendo viñetas e achegando así a súa visión da política e da sociedade”, explicou o coordinador de Coruña Gráfica . Con esta actividade, aberta a cidadanía e que se desenvolverá na Casa Museo Casares Quiroga durante a tarde do venres 1 e a mañá do sábado 2, preténdese “establecer un punto de encontro na procura de canles para reflexionar sobre o feminismo, utilizando o humor gráfico como ferramenta”, engadiu Cráneo. As xornadas comezarán ás 19.00 horas, coa charla Humor e feminismo , impartida pola profesora e investigadora da Universidade da Coruña María José Mosquera, que dará paso á mesa redonda Humor con tetas, na que participarán tanto Mosquera como a bibliotecaria Sira González, e as autoras Yupiyeyo e Xulia Pisón –autora do cartel das Festas de María Pita 2017–. Ao día seguinte, as debuxantes impartirán, desde as 10.00 horas, un obradoiro nomeado Viñetas con tetas . Os traballos que se realicen publicaranse, posteriormente, na web w ww.corunagrafica.com

De cara ao 28 de decembro, “o Día dos Santos Inocentes, no que rimos case por imposición”, segundo destacou Cráneo, terá lugar unha Xornada de humor inocente , que se desenvolverá desde as 18.00 horas no Centro Ágora, e que contará coa participación do debuxante Manel Fontdevila, un dos fundadores da histórica publicación El Jueves . O encontro comezará ás 18.00 horas na sala 9 do equipamento municipal coa conferencia Ética e humor , de Siro López, e dará paso, ás 19.00 horas, á charla de Fontdevila Os límites do humor . A xornada pecharase ás 20.30 horas coa mesa redonda S orrisos e bágoas. O humor do século XXI, que contará coa participación de Leandro Barea, Fontdevila e Santy Gutiérrez. O encontro será moderado pola actriz e presentadora do programa especializado en banda deseñada Metrópoles Delirantes, Nieves Rodríguez.

Obradoiros para a mocidade

Paralelamente, e durante todo o mes de decembro, celebraranse obradoiros de humor gráfico nas Bibliotecas Municipais da Coruña dirixidos á mocidade. “Sabemos que hai moita demanda de talleres de viñetas e ilustración. Con esta proposta queremos achegar o humor gráfico ás mozas e mozos da cidade”, sinalou Manel Cráneo. Os Obradoiros de humor inocente, dirixidos a nenas e nenos de 12 a 16 anos, estarán impartidos por Alberto Guitián –autor do cartel de Entroido 2017– e celebraranse os sábados 16, 23 e 30 de decembro, de 11.00 a 13.00 horas, nas bibliotecas Infantil e Xuvenil de Durán Loriga, Infantil do Fórum, e Ágora, respectivamente. A inscrición nestes obradoiros, que serán gratuítos, poderase realizar a través da web das Bibliotecas Municipais, www.coruna.gal/bibliotecas .

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...