Home » coruna » Currently Reading:

O Festival Noroeste disporá esta fin de semana de 6.000 ecovasos na praia e no Paseo das Pontes que axudarán a veciñanza a gozar dunha festas máis sostibles

agosto 8, 2018 coruna No Comments

O Noroeste Estrella Galicia contará nesta 32 edición con 6.000 ecovasos que serán repartidos por Ecovidrio nos concertos que se celebrarán na praia de Riazor e no parque do Paseo das Pontes. O obxectivo desta acción é o de axudar á cidadanía a gozar dunhas festas máis sostibles e responsables, así como para manter limpos espazos especialmente significativos na cidade como os areais e os espazos verdes urbanos. Así, a partir do venres, a entidade sen ánimo de lucro que xestiona a reciclaxe dos residuos de envases de vidro volverá distribuír estes envases. “De novo, volvemos colaborar con esta entidade para afondar nas nosas políticas de redución de lixo”, comentou a concelleira de Medio Ambiente, María García, que recordou que as Festas de San Xoán tamén contaron co reparto de ecovasos.

García insistiu na necesidade non só de usar os ecovasos reutilizables senón de que os residuos que se poidan xerar durante os concertos sexan depositados no lugar correspondente. Así, recordou que, ademais dos ecovasos, e como ocorre en San Xoán, existirán illas de reciclaxe nas inmediacións da praia nas que haberá iglús de vidro, co obxectivo de que a xente deposite nos mesmos os residuos que conteñan este material reutilizable.

A concelleira apelou “á sensibilidade da cidadanía coruñesa, cada vez máis concienciada coa necesidade de limitar a cantidade de residuos que xeramos, así como máis favorable á reciclaxe”. “Cada ano estamos a conseguir unhas festas máis limpas e máis sostibles, cousa que non se logra sen o compromiso e a vontade da cidadanía”, dixo. “Os ecovasos son reutilizables, creo que é o momento de que dende a veciñanza nos concienciemos realmente da importancia da súa utilización. Non teñen porque ser algo exclusivo dun San Xoán nin dun Noroeste, senón que podemos empregalos en todos aqueles eventos que conleven a xeración de residuos”, dixo.

Comment on this Article: