Home » coruna » Currently Reading:

O Goberno local acometerá a mellora integral da praza de Recife coa renovación e ampliación da zona de xogos infantís e o espazo deportivo

abril 20, 2017 coruna No Comments

A Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda trasladará á próxima Xunta de Goberno local, que terá lugar este venres, o proxecto de mellora da praza de Recife para a súa aprobación. A actuación, que conta cun orzamento base de licitación de 605.881 euros (IVE incluído), contempla a renovación integral do espazo, coa mellora da zona deportiva e o cambio de emprazamento e ampliación da área de xogos infantil, na superficie sobre o Garaxe Madrid, e a instalación dun recinto aparca-bicis no lugar onde antes estaban os xogos. A posta a punto de toda a zona libre completarase ademais cos traballos de conservación e mantemento que xa se están levando a cabo, e que continuarán, que incluíron intervencións como a reposición de todos os chanzos da escaleira da rúa Donantes de Sangre.

O proxecto, tal e como indica o titular da área de Rexeneración Urbana, o concelleiro Xiao Varela, impúlsase para “dar cumprimento ás necesidades veciñais de mellora deste espazo e dos equipamentos existentes, das súas dotacións e da calidade dos seus usos”, cunha proposta que “racionaliza o gasto respecto ao previsto para este lugar polo anterior equipo de Goberno, que plantexaba un lavado de cara millonario a través da renovación dos equipamentos existentes, un mero cambio estético de custes moi elevados e sen mellora real do rendemento do espazo”. Como indica Varela, o novo proxecto supón unha optimización dos usos do lugar e o máximo aproveitamento do espazo, poñendo o énfase na zona infantil e a zona deportiva, cunha mellora substancial dos seus equipamentos, que se amplían e agrupan “para promover a integración social e xeracional na praza, respondendo mellor ás necesidades existentes”.

O proxecto inclúe a renovación da pista que existe na actualidade sobre o garaxe da praza, na que se colocarán seis porterías modulares con canastras de baloncesto, despois de acometer os traballos de impermeabilización e colocación do novo pavimento, ademais de tres canastras de menor tamaño, pensadas para idades máis temperás. O peche da pista servirá á súa vez como banco, sobre o que vai instalada unha grella metálica e unha rede na parte superior, como elementos de protección. “Apostamos por que o espazo público estea equipado para a práctica deportiva libre, pola creación de lugares que permitan a práctica informal de actividades físicas, sen que estas teñan que recluírse en espazos pechados e máis regrados, para facilitar o uso do espazo público como espazo de inclusión e de autonomía”, salienta o concelleiro, quen fai notar o “aproveitamento e a posibilidade de uso simultáneo do espazo das canchas”.

En canto á área infantil, o proxecto modifica a súa ubicación, desde a parte inferior da zona de pistas, máis próxima ao tráfico e máis escura, para situala en paralelo ao espazo deportivo, “de cara a ampliala, darlle maior relevancia e favorecer a relación e a transición das distintas xeracións que poden convivir nos dous espazos, desde cativos e cativas ata adolescentes, mozas e mozos, e tamén as persoas adultas que poden exercer de coidadoras ou empregar o recinto deportivo”. Como sinala o responsable municipal, a disposición da zona de xogos agrupa aos e ás menores por idades, aínda que facilitando a convivencia entre eles, e contempla distintos elementos de xogo, como son un balancín dobre, randeeira dobre con cesta e con cadeira de seguridade, un balancín de rede, outra randeeira, un barco de cordas, un xogo de torres e unha ‘tirolina’, que favorecen o xogo en común. O espazo para o público infantil estará protexido cun valado disposto en espiral, para que a zona de xogos quede máis recollida, e contará cun espazo de asento en toda a parte superior, ademais de bancos en varios puntos, cun deseño “pensado para dar servizo ás e os cativos, pero tamén ás persoas coidadoras, para que o uso sexa máis amable e máis cómodo, e facer del un espazo integrador”, subliña Varela.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...