Home » coruna » Currently Reading:

O goberno local acometerá obras de mellora no núcleo de Eirís de Abaixo “que se poderán abordar grazas ao inminente remate das actuacións nos accesos do Ofimático”

diciembre 3, 2017 coruna No Comments

O alcalde, Xulio Ferreiro, e o resto de concelleiros e concelleiras do goberno local acudiron a unha nova edición dos encontros participativos coa veciñanza Dillo Ti, que este sábado tivo lugar no centro cívico de Eirís. Nese espazo, o rexedor salientou as actuacións realizadas e previstas polo executivo municipal no barrio, entre as que destacou, de cara ao próximo ano, as obras previstas para a mellora de Eirís de Abaixo. “As obras de urbanización do Ofimático están avanzando a moi bo ritmo e, grazas a que imos rematar en breve os accesos ao polígono, estamos en condición de iniciar, o próximo ano, actuacións neste núcleo”, comentou o rexedor. “Os núcleos tradicionais estiveron sempre abandonados, estamos facendo un investimento moi forte en núcleos como o Mazaído, Nostián, Palavea ou Feáns. En Eirís, primeiro, temos que solucionar o tema dos accesos, para poder obrar e mellorar de forma considerable a accesibilidade”, engadiu, ao fío, o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela.

Ferreiro tamén puxo en valor que o administración local ten xa a propiedade dos terreos necesarios para a ampliación e mellora do campo de fútbol de Eirís. “Unha vez executadas xa as expropiacións necesarias, o proxecto xa está listo e inclúe novas bancadas, vestiarios e céspede artificial”, dixo. A este respecto, o edil Varela comentou que o executivo municipal está a acometer unha prospección arqueolóxica na zona, “na que se están a estudar e verificar se existe patrimonio necesitado de protección no lugar onde está previsto que se desenvolva un viario”. “O Concello ten o proxecto preparado e os cartos reservados, estamos en disposición de actuar, pero antes debemos analizar a existencia de restos arqueolóxicos xa que é a nosa obriga, como institución pública e cidadanía, protexer e poñer en valor o patrimonio histórico da cidade”, apuntou.

En canto a proxectos futuros, o primeiro edil recordou o compromiso manifestado pola Xunta de Galicia para a construción nesta zona dunha residencia da terceira idade. Ferreiro adiantou que o Concello xa ten seleccionada e a disposición do goberno autonómico unha parcela municipal que cedería co obxectivo de facilitar que a cidadanía conte con este servizo. “O que indicaron dende a Xunta é que esta infraestrutura estaría lista en febreiro de 2020, cun investimento de 8 millóns de euros, aínda que, non obstante, nos orzamentos do ano que vén só se inclúen 300.000 euros para a construción das tres novas residencias previstas na provincia da Coruña, polo que entendemos que a residencia pretenden rematala máis alá de 2021”, manifestou.

Parque de Eirís

En canto a actuacións levadas a cabo, o alcalde salientou as accións que derivaron na mellora, renovación e naturalización do estanque do Parque de Eirís, que tamén veu mellorada a súa zona de aseos públicos. “Seguimos traballando para rexenerar e dignificar a zona, na que estes días podedes ver como se están a abordar as obras para ter listas as novas hortas urbanas previstas na contorna”, dixo o alcalde, que tamén recordou que, en breve, se culminarán as obras da área canina, espazo que permitirá o esparexemento das persoas que conten con mascotas. Tamén está prevista de forma inminente a plantación de 111 árbores, actuación que entronca co compromiso do goberno local coa ampliación de zonas e espazos verdes na cidade.

Na zona do Parque de Eirís, o goberno local tamén abordou a renovación tanto da pista de skate como da propia cúpula, que vén de ser recentemente mellorada, cunha serie de actuacións que melloran a súa accesibilidade e o seu uso, dentro das propostas elaboradas pola veciñanza dentro do proceso de Orzamentos Participativos. A este respecto, o alcalde tamén salientou como, a raíz da demanda dun veciño da zona, o goberno local colocou, recentemente, 7 novos bancos na Avenida de Lamadosa, de cara a facilita o descanso da poboación no espazo público.

Canteira de Eirís

Por outro lado, e no que atinxe a actuacións urbanísticas, o mandatario local salientou as actuacións de renovación e mellora que se están a acometer na Avenida de Monelos e que chegan, tamén, ao espazo coñecido como Canteira de Eirís. Cun orzamento de preto de 100.000 euros, as obras favorecerán de forma notable a accesibilidade na zona comprendida entre os números 201 e 2015. O aspecto máis notable da intervención será a ampliación do ancho da beirarrúa, que duplicará practicamente o espazo existente ao longo de 145 metros, nun treito que discorre polo costado das seis mazás que compoñen o barrio da Canteira de Eirís. A mellora que traerá o aumento da capacidade desta beirarrúa non só está xustificada pola considerable cantidade de habitantes nas mazás da Canteira, senón pola alta densidade deste tramo do barrio ou o feito de que a avenida de Monelos constitúa o principal percorrido de conexión peonil desta zona co resto da cidade. Este conxunto de mazás é tamén a principal conexión da avenida e de toda a área do Parque Ofimático, coa parte alta do Parque de Eirís e Lamadosa. Ao respecto de actuacións na zona, o concelleiro de Rexeneración Urbana recordou tamén as obras acometidas no Castaño de Eirís.

Máis de 1.000 actuacións en centros educativos

Por outro lado, a concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán, salientou que, coa chegada do Nadal e as vacacións festivas, o Concello volveu poñer en marcha o seu servizo de campamentos nos centros cívicos da cidade, que se unirán, á vez, a oferta de actividades dentro dos propios centros escolares co programa Campacoles. Ao fío, a responsable municipal recordou que, dende o curso pasado, e nos seis centros escolares da contorna se realizaron máis de 1.000 reparacións. Entre as actuacións, a edil salientou as intervencións de mellora de accesibilidade en Nosa Señora do Rosario, así como a zona de xogos infantil dun dos patios do Ramón de la Sagra.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...