Home » coruna » Currently Reading:

O goberno local acorda con veciñanza e colectivos dentro da Mesa da Cidade Vella os criterios que rexerán o proceso de reordenación de terrazas, que terán en conta o especial valor patrimonial do ámbito

octubre 31, 2018 coruna No Comments

O Pazo de María Pita acolleu a reunión da Mesa da Cidade Vella, un espazo de traballo participado, conformado polo goberno local e os principais axentes implicados na revitalización e dinamización do barrio, entre os que se atopa veciñanza, representantes das e dos comerciantes e centro cívico, así como as comunidades escolares, culturais, relixiosas e militares da contorna. A xuntanza, que contou coa presenza do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, os concelleiros de Rexeneración Urbana e Mobilidade Sostible, Xiao Varela e Daniel Díaz Grandío, e as titulares de Participación e Seguridade Cidadá, Claudia Delso e Rocío Fraga, serviu para consensuar os criterios que rexerán a proposta de ordenación para as terrazas deste ámbito, un procedemento anunciado logo da peonalización que se fixo efectiva o pasado mes de xuño. “Ademais de facer balance de todos estes meses, dende que a Cidade Vella quedou libre de coches tamén acordamos que o proceso de regulación das terrazas será similar ao que xa se aplicou na zona de Pepri, que ten como principios claves a seguridade e a accesibilidade”, comentou o edil Díaz Grandío, que manifestou que “no caso do casco histórico, non obstante, hai que ter en conta outras cuestións como a protección dos valores patrimoniais, as peculiaridades topográficas do barrio e a necesidade de preservar o carácter público de elementos do mobiliario urbano”.

“Cando procedemos á ordenación singular das terrazas da zona Pepri fixémolo tendo en conta tres supostos de actuación como son garantir o tránsito peonil, o paso e acceso dos vehículos de emerxencia e outorgar seguridade xurídica aos e ás hostaleiras sobre a súa instalación. Estes son os principios que rexerán a ordenación singular para a Cidade Vella pero, ademais, aquí temos que ter especialmente a protección de todos os bens e espazos catalogados, así como dos equipamentos culturais, educativos e institucionais”, aclarou.

No marco desta xuntanza, o concelleiro Varela tamén dou conta das actuacións en materia de rehabilitación que o goberno local ten pensando acometer neste ámbito e entre as que se atopa “a segunda fase na Maestranza (onde xa se acometeu a repavimentación da lousa de pedra entre Isabel Zendal e Julio Portela Ceballos), así como intervencións no entorno da Luís Seoane e as rúas Nosa Señora do Rosario, Damas e Cortaduría”. O responsable municipal incidiu en que estas actuacións están “encamiñadas á revitalización da Cidade Vella”. As mesmas enmárcanse dentro das liñas de operación contidas no proxecto EidusCoruña, que está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixo de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (antes POCS).

Por outro lado, a responsable de Seguridade Cidadá puxo en valor o traballo realizado pola Policía Local ao longo destes meses, logo da peonalización da Cidade Vella. “Neste momento a peonalización xa está interiorizada, é certo que durante o verán houbo que facer un maior traballo de concienciación xa que, por exemplo, a maioría das sancións se produciron durante o mes de xullo e no entorno de Maestranza, Oceanográfico e Campo da Estrada”, comentou a concelleira Fraga.

Comment on this Article: