Home » coruna » Currently Reading:

O goberno local amplía o proxecto de Custodia de Territorio e Voluntariado coa sinatura dun convenio coa Universidade para a recuperación e conservación do monte da Fraga

octubre 27, 2018 coruna No Comments

O Concello da Coruña vén de ampliar o novo programa municipal de Custodia de Territorio e Voluntariado Ambiental, posto en marcha neste exercicio, coa sinatura dun convenio de colaboración coa Universidade da Coruña de cara a favorecer a recuperación e conservación do monte da Fraga, próximo ao campus da Zapateira. O acordo súmase á iniciativa que a Concellería de Medio Ambiente asinou este mesmo mes de outubro co grupo naturalista Hábitat, e que se centrará, especialmente, en accións de coidado da contorna da Torre de Hércules e Punta Herminia, zona na que o Concello solicitou á Xunta de Galicia a declaración de Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

Tal e como explica a edil María García, o programa de Custodia de Territorio e Voluntariado ten como finalidade recuperar e favorecer o coidado de espazos naturais do municipio da man de entidades que traballan neste eido, á vez que potencia a participación e a implicación da veciñanza na preservación do medio natural. “O goberno da Coruña está a facer unha clara aposta pola implantación de políticas de conservación e de mellora da biodiversidade na cidade. Este proxecto incide, precisamente, na custodia, por parte da cidadanía, de áreas de territorio con valores naturais que convén preservar ou que se pretenden recuperar, no marco dun termo municipal que carece dunha grande extensión de zonas verdes ”, apunta a concelleira.

O convenio asinado esta semana pola titular da área de Medio Ambiente co rector da UDC, Julio Abalde, ten como obxectivo precisamente sustentar economicamente, a través dunha subvención de carácter nominativo en favor da UDC por valor de 7.500 euros, a realización dun estudo do espazo do monte da Fraga así como a organización e coordinación de actividades de educación e voluntariado ambiental. “Esta aposta recoñece tamén o traballo realizado ao longo de todos estes anos pola Oficina de Medio Ambiente da UDC, tanto no eido da formación como de mobilización da sociedade civil en relación á custodia do territorio”, sinala a concelleira.

Todas as actuacións que se desenvolvan no marco do convenio, abertas tanto á comunidade universitaria como á veciñanza en xeral, levaranse a cabo ao longo do presente exercicio. “O desexo do goberno é seguir avanzando na posta en marcha de iniciativas que favorezan a corresponsabilidade e sensibilización cidadá respecto ás riquezas ambientais que se atopan no termo municipal”, afirma García.

Comment on this Article: