Home » coruna » Currently Reading:

O Goberno local avanza na posta en marcha do Concello Sectorial da Saúde, cuxas bases analizará hoxe coas entidades de carácter sanitario da cidade

junio 1, 2017 coruna No Comments

A Concellería de Xustiza Social e Coidados vén de elaborar o borrador do regulamento que permitirá poñer en marcha o Consello Sectorial de Saúde do Concello da Coruña, o organismo colexiado de participación cidadá de carácter consultivo que ten como obxectivo crear un espazo para o asesoramento, a información, o debate e o estudo de programas e actividades en materia de saúde orientadas á mellora permanente da calidade de vida da cidadanía. A edil Silvia Cameán convocou para esta tarde a diversas entidades cidadás relacionadas co ámbito sanitario, coa finalidade de “comezar a traballar, de forma conxunta, cos axentes sociais especializados do municipio e recibir as súas achegas ao proxecto”, que nace dunha proposta da plataforma SOS Sanidade Pública que o executivo coruñés presentou, a través dunha moción, no Pleno da Corporación o pasado mes de marzo. “Este Goberno entende como fundamental tanto a participación da sociedade civil na construción das políticas municipais como contar coa voz e a opinión daquelas entidades que, pola súa traxectoria e incidencia no día a día, poden facer propostas sobre as necesidades que terá este órgano consultivo, da que formarán parte”, explica a concelleira.

A proposta na que se traballará nesta sesión, e que o Goberno local trasladou a semana pasada ás entidades socio-sanitarias, afonda no regulamento deste órgano consultivo, do que poderán formar parte tanto de entidades cidadás como de colectivos de especial relevancia social vinculadas á saúde. O proxecto do executivo coruñés define o Consello como un espazo ao que facer chegar propostas sobre as políticas municipais que teñan incidencia na saúde, e que poida orientar sobre criterios e recomendacións que sirvan para contribuír a definir as liñas ou directrices xerais en materia da súa competencia.

Entre os seus obxectivos sitúanse a elaboración dun diagnóstico de saúde do municipio, así como a asignación de prioridades na atención dos problemas de saúde que se deriven; e atender á situación das estruturas físicas, dotacións materiais e cadro de persoal dos servizo relacionados co ámbito sanitario para propoñer a administración competente cantas medidas se estimen oportunas para o seu funcionamento idóneo. O órgano servirá tamén para analizar os problemas ambientais que poidan repercutir na saúde da veciñanza, promover o desenvolvemento dos dereitos e deberes das persoas usuarias dos servizos sanitarios e velar por unha sanidade de calidade para toda a cidadanía, prestando especial atención aos sectores con dificultades e necesidades socio-sanitarias urxentes.

Tras esta xuntanza, o Goberno local continuará cunha serie de contactos con outras partes implicadas na construción do Consello, “ata acadar un amplo acordo entre todas as entidades que formarán parte deste organismo”. “Na Coruña queremos avanzar cara á Xustiza Social, e para isto, queremos contar con todas as mans”, afirmou a edil.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...