Home » coruna » Currently Reading:

O goberno local constitúe unha mesa de traballo para “garantir a seguridade xurídica dos e das traballadoras ante a futura licitación do contrato de transporte urbano da Coruña”

enero 20, 2018 coruna No Comments

O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, reuniuse en María Pita co comité de empresa da Compañía de Tranvías de cara a dar resposta ás súas inquedanzas ante a futura licitación do contrato de transporte urbano da Coruña. O edil insistiu en que “garantir a seguridade xurídica dos e das traballadoras é unha prioridade”, motivo polo cal o Goberno local asinou coa representación do cadro de persoal un documento no que se compromete a constituír unha mesa de traballo no marco do proceso de preparación do novo contrato e con anterioridade á redacción dos pregos do mesmo. “Isto facilitará o diálogo social con respecto ás condicións laborais dos e das empregadas”, explicou o edil, que insistiu en que, como en calquera proceso licitador por parte do Concello da Coruña, “garantiremos a non precarización e a salvagarda das condicións laborais e salariais adquiridas, incorporando nos pregos de contratación cláusulas sociais supervisadas pola asesoría xurídica municipal”. Como recordou, a proposta da creación deste novo órgano partiu do propio executivo municipal.

“As cláusulas sociais servirán para asegurarnos que a empresa contratista contará co cadro de persoal necesario para o desempeño do seu traballo, sendo o número mínimo de empregados e empregadas o que está previsto no actual contrato”, comentou, á vez que aludiu ao principio de subrogación contido no acordo marco estatal sobre materia do transporte de viaxeiros e viaxeiras por estrada. “Ao mesmo tempo, tamén traballaremos para que se respecten e manteán as condicións máis beneficiosas adquiridas no contrato actual polo cadro de persoal nos procesos de negociación do convenio colectivo”, dixo o concelleiro. Todos e todas as traballadoras que teñan dereito a subrogación deberán ser contratados durante todo o período de vixencia do novo contrato.

Comment on this Article:







*

A %d blogueros les gusta esto: