Home » coruna » Currently Reading:

O Goberno local dá luz verde á regulación das terrazas da zona centro da cidade, á vez que adxudica o contrato de sinalización das mesmas “garantindo o dereito á accesibilidade e á asistencia sanitaria de urxencia”

junio 4, 2017 coruna No Comments

A Xunta de Goberno local aprobou  a aplicación do ordenamento singular das terrazas das rúas peonís situadas no ámbito do plan de especial protección de Cidade e Pescadería (Pepri), o que posibilitará regular as ocupacións de espazo público por parte de establecementos hostaleiros en 34 rúas da zona centro da cidade caracterizadas pola súa alta ocupación. Así, como norma xeral, e de acordo coas características de cada zona, a aplicación deste recurso servirá para asegurar a accesibilidade a estas rúas, nas que será obrigatorio deixar un espazo de 2,5 metros, de cara a facilitar non só a accesibilidade das persoas con diversidade funcional e o fluxo peonil, senón tamén o acceso de vehículos de seguridade. O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, destacou “o refrendo que se lle dá no día de hoxe a un traballo de calado dos técnicos municipais para regular o ordenamento do espazo público” xa que, non só se aproba en Xunta de Goberno a aplicación deste ordenamento singular, senón que tamén vense de adxudicar o contrato do servizo de inventario, cartografía e sinalización das terrazas dos estabelecementos de hostalería situados nas rúas peonís da zona centro da cidade. “Acompasar estas dúas actuacións será fundamental para acurtar tempos e garantir que este verán as rúas da zona centro da cidade con ampla concentración hostaleira teñan o seu espazo regularizado permitindo, en calquera caso, garantir o dereito da cidadanía á accesibilidade e á asistencia sanitaria de urxencia”, destacou.

Díaz Grandío subliñou que as actuacións que se porán en marcha “de forma inminente” foron informadas dende o primeiro momento aos colectivos implicados, tanto do sector hostaleiro, como da condución de vehículos de seguridade e de entidades do ámbito da diversidade funcional. As rúas afectadas por esta ordenación singular son: Alameda, Arévalo, Travesías das Hortas, Estrela, Mantelería, Olmos, Galera, Arco, Boquete de San Andrés, Álvaro Cebreiro, Travesía da Mariña, Agar, Luchana, Fama, Real, Rego de Auga, Torreiro, Travesía da Estreita de San ANdrés, Travesía de Cordonería, Barreira, San Nicolás, Bailén, San Agustín (tramo peonil), Florida, Franxa, Ángel, Oliva, Trompeta, Capitán Troncoso, Marqués de Cerralbo, Travesía de Porta de Aires, rúa Real e caleixón da Estacada.

Grandío destacou que “a proposta deste ordenamento singular se adapta á configuración de cada rúa”. “Aínda que cada unha presenta as súas particularidades a distribución dos espazos manterase de xeito uniforme”, indicou. En concreto, nas rúas peonís cun ancho de vía superior aos 6 metros deixarase un itinerario peonil mínimo e libre de obstáculos de tres metros, sendo a ocupación máxima do ancho de vía permitida de menos do 50%. Por outro lado, nas rúas cun ancho de entre 2,5 e 6 metros deixarase un itinerario peonil libre de obstáculos de 2,5 metros, de forma que se permita o paso de vehículos de emerxencia e outros autorizados. Nas rúas peonís cun ancho de entre 1,80 metros e 2,5 metros deixarase un itinerario peonil libre de obstáculos de 1,80 metros, non sendo posible instalar terrazas nas rúas peonís con ancho inferior aos 1,80 metros.

Con todo, este ordenamento ampliará o abano de posibilidades para o emprazamento das terrazas de cara a facilitar que non só poidan ampliar o seu espazo á area colindante na que se atopan, senón tamén ás zonas enfrontadas, no caso de que conten coa autorización dos ou das propietarias. En canto ao mobiliario autorizado, a dimensión dos parasoles non poderá superar o espazo autorizado mentres, no que atinxe aos toldos, só se permitirá a colocación daqueles que conten con licenza urbanística e, igualmente, sen saír do espazo acoutado.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...