Home » coruna » Currently Reading:

O Goberno local demanda á Xunta que a Lei de Benestar Animal contemple “unha dotación orzamentaria suficiente” para os concellos

Junio 2, 2017 coruna No Comments

A concelleira de Medio Ambiente, María García, avanzou que o Goberno local ten previsto presentar emendas ao proxecto de Lei de Benestar Animal que tramita o Goberno autonómico, para esixir a inclusión de senllas disposicións adicionais, dirixidas a, por un lado, facilitar ás administracións locais e deputacións a aplicación das disposicións do texto legal a través dunha “dotación orzamentaria suficiente”, que permita a realización de campañas e iniciativas informativas e de sensibilización e de aposta polas políticas tendentes ao sacrificio cero e, por outro, “fomentar a cooperación entre a administración autonómica e as entidades locais e provinciais no aspecto técnico”.

Tal como pon de relevo a responsable municipal de Medio Ambiente, o Goberno local da Coruña, de forma conxunta cos Executivos municipais de Compostela e de Ferrol formulará emendas á disposición adicional quinta e á disposición adicional sexta do proxecto normativo, no que atinxe especificamente á dotación orzamentaria de Concellos e Deputacións e á cooperación da Xunta coas entidades locais e provinciais. García salientou que as actuacións en materia de benestar animal que o Concello da Coruña leva posto en marcha nos últimos dous anos “son exemplo claro de que a defensa dos animais pode e debe formar parte do traballo que dende os entes municipais se está a impulsar”. “Queremos facer das nosas cidades espazos máis agradables nos que se regule a convivencia entre animais domésticos, fauna e cidadanía”, comentou a concelleira, que aludiu a proxectos postos en marcha polo Concello coruñés como a ampliación e especialización da Patrulla Verde en labores de benestar animal, o tratamento e control das colonias felinas, a mellora e ampliación de áreas de esparecemento canino ou a renovación das instalacións do centro de protección animal, ademais de campañas de sensibilización. “Cremos que é importante ter dotación orzamentaria suficiente para seguir afondando nesta materia e noutras actuacións que xa estamos levando a cabo, como campañas de adopción, de identificación con microchips e de esterilización, todas tendentes á estratexia de sacrificio cero”, comentou.

Os concellos que presentarán de forma conxuntas as emendas a este proxecto de lei recordan que, segundo estimacións de entidades animalistas como Libera! e Franz Weber, máis 15.000 animais, principalmente cans, recóllense en territorio galego cada ano. “Na maioría dos casos o seu destino, manutención, atención veterinaria e xestións para a adopción recaen directamente en entidades que non son a Xunta”, apuntou a concelleira de Medio Ambiente.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...