Home » coruna » Currently Reading:

O goberno local destina 264.000 euros á colocación de 11 novas estacións de BiciCoruña na cidade

noviembre 3, 2017 coruna No Comments

A Xunta de goberno local autorizará este venres a instalación da cidade de once novas estacións de BiciCoruña que contarán, cada unha delas, cun mínimo de 16 postos de ancoraxe e 10 bicicletas. A actuación ten un orzamento reservado de 264.000 euros e se realizará a través da Empresa Municipal de Vivenda (EMVSA). O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, destacou que “se trata dun paso máis dentro do ambicioso proxecto que está a abordar este Concello e que pasa por un cambio do modelo de mobilidade, cara a formas máis sostibles e accesibles”. De feito, este incremento no parque de BiciCoruña prodúcese logo de que o executivo municipal dese o visto e prace nas pasadas semanas a novos tramos do carril bici. “Neste momento temos en fase de licitación e adxudicación as obras para a construción de novos percorridos, como é o caso do metropolitano dende a Avenida da Mariña á Pasaxe, así como a conexión entre A Palloza e Matogrande”, recordou o edil. “Todo este proceso de progresiva implantación da bicicleta non só como forma de ocio e deporte, senón como verdadeira alternativa de desprazamento, continuará o ano que vén cando, a través dos fondos europeos DUSI, prosigamos co proxecto de expansión de BiciCoruña, introducindo novasestacións,ademaisdenormalizarousodabicicletaeléctrica”,apuntou.

En concreto, as 11 novas estacións de BiciCoruña localizaranse na praia de Oza, rúa Pablo Picasso, Mercado de Durmideiras, O Ventorrillo, A Grela, Marineda City, Parque de Eirís, Someso e Campus de Elviña 1, ademais de no Polígono de Pocomaco, onde se colocarán dúas infraestruturas. “Estas novas estacións, ademais, están ligadas directamente ao proceso de orzamentos participativos, co que, non só actuamos seguindo unha das nosas liñas estratéxicas de goberno, senón que, ademais, dámos resposta a unha demanda real da cidadanía”, salientou Díaz Grandío.

Estas 11 estacións sumaranse ás 23 coas que conta a cidade na actualidade e que se atopan repartidas na estación de tren e de autobuses, Obelisco, Porto-Palexco, Torre de Hércules, Aquarium, Praza de Pontevedra, Casa da Auga, Millenium, Mirador dos Castros, Praza de Vigo, Praza das Conchiñas, Centro Deportivo de Matogrande, Praza de Tabacos, Os Rosais, Campo de Marte, rúa Sol, Campo da Leña, Praza de San Rosendo, Paseo das Pontes, Centro Cívico de Monelos, Porta Real e centro deportivo do Castrillón.

Isto completarase, ao longo do ano que vén, coa colocación de 12 novas estacións previstas na Maestranza, Cidade Escolar, Campus de Elviña 2, Campus da Zapateira e Campus de Oza, dentro do programa Pedalea coa USD, ademais doutras sete estacións en Orillamar, Praza e Galicia, Castelo de San Antón, Domus, Ágora, Parque do Agra e Muncyt. Ademais, ao longo do vindeiro exercicio tamén se acometerá unha nova ampliación no parque de bicicletas que remata con 500 dispositivos, a metade deles eléctricos.

Novas tarifas para o centro Accede Papagaio

Do mesmo xeito, a Xunta de goberno local de mañá dará luz verde a un cambio da ordenanza que regula o prezo pola utilización de instalacións dos centros municipais de empresas (ordenanza número 46), para adaptalas ás necesidades reais das persoas usuarias do centro Accede Papagaio, rebaixando as tarifas para proxectos en fase de preincubación e incubación neste espazo, de cara a facilitar e potenciar o desenvolvemento de proxectos emprendedores. Deste xeito, no primeiro dos casos –módulos de preincubación–, a modificación suporá a gratuidade dos seis primeiros meses de estancia, e unha rebaixa nos segundos seis meses, que pasarán a ter un custe de entre 72,6 e 121 euros mensuais, en función do número de integrantes no proxecto. O cambio, segundo indica o concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, vai dirixido a adecuar as tarifas ás necesidades reais de empresas e emprendendores, tendo en conta que nesa primeira fase de preincubación, os proxectos non xeran ingresos xa que corresponden a actividades que aínda non se deron de alta e, por tanto, non se facturan. “O que pretendemos é prestar máis apoio nesa primeira fase de creación e posta en marcha dun proxecto facilitando a estancia no centro do Papagaio, en consonancia co espírito deste centro, dirixido a potenciar eses novos proxectos e propostas e dinamizar o ámbito do emprendemento, e favorecendo o asentamento de proxectos colaborativos”, fai notar o responsable municipal, que alude tamén a un segundo cambio de calado no criterio que rexe nas tarifas, no caso de ocupacións permanentes dentro do viveiro, que pasarán a definirse en función do proxecto, e non só do número de persoas e o módulo, “para facer máis accesible este centro a proxectos integrados por varias persoas”.

Deste xeito, se ata a data, a tarifa por mes pasaba dos 108 euros (proxecto dunha única persoa emprendedora) aos 540 en caso de cinco emprendedores nun mesmo proxecto, coa modificación, os prezos pasan a situarse en 60 euros (máis IVE, un total de 72,6) para a ubicación nun módulo dunha única persoas promotora dun proxecto, para os meses sétimo ao duodécimo do período de preincubación; 70 euros mensuais (máis IVE, 84,7 euros) para ubicación en dous módulos, para dous promotores dun único proxecto, neses mesmos meses; 80 euros (máis IVE, 96.80 euros) para tres módulos, por tres persoas promotoras do mesmo proxecto; 90 euros (máis IVE, 108,90euros) para catro persoas promotoras do mesmo proxecto e 100 euros (máis IVE, 121 euros) para cinco módulos que corresponden a cinco persoas promotoras dun mesmo proxecto, que é o número máximo de persoas por proxecto permitidas, segundo se establece nas bases de funcionamento do centro municipal. Este novo criterio operará tamén para as tarifas de proxectos en fase de incubación, que pasan a establecerse en 108 euros (máis IVE) para a ubicación nun módulo de incubación un proxecto dun único promotor, 128 euros (máis IVE) para un proxecto con dúas persoas; 138 euros para un proxecto e tres persoas emprendedoras; 148 euros (máis IVE) para proxectos con catro persoas, e 158 euros (máis IVE) para un mesmo proxecto con cinco persoas emprendedoras. Coas tarifas previas, o prezo mensual para esta modalidade oscilaba entre os 130,68 euros (IVE incluído) para unha persoa e un módulo ata os 653,4 euros para un proxecto con cinco persoas.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...