Home » coruna » Currently Reading:

O Goberno local destinará 950.000 euros a financiar o servizo de bolsas comedor, destinadas a familias en desvantaxe social e que tamén terá en conta criterios sanitarios

Abril 21, 2017 coruna No Comments

A Xunta de Goberno local dará luz verde ao programa de comedores escolares para o curso 2017-2018, para o que reservará a contía de 950.000 euros, máis dun 25% máis dos fondos reservados para o actual curso (784.000 euros). O servizo ten como finalidade axudar ás familias que teñen menores en idade escolar mediante o financiamento total ou parcial de prazas nos comedores dos seus respectivos centros escolares. Os e as interesadas poderán solicitar a concesión destas bolsas para o vindeiro curso un día despois da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP). A gratuidade da bolsa pode ser total para aqueles e aquelas menores que cursan estudos nun centro público que teña servizo de comedor, ou dun máximo de 80 euros ao mes no caso de alumnado matriculado nun centro sostido parcialmente con fondos públicos (concertado), podendo chegar a contía aboada polo Concello aos 98 euros en casos excepcionais e atendendo á situación económica dos e das participantes. As bolsas comedor contarán nesta edición cunha serie de novidades –ademais do significativo incremento de fondos– como é que o principal criterio a ter en conta para a súa adxudicación será o económico, na busca de axudar a aquelas familias que se atopan nunha situación de maior vulnerabilidade, se ben tamén se terán en conta criterios relativos á saúde dos e das rapazas. “Existen moitos e moitas menores con intolerancias alimenticias que requiren de dietas especiais, con produtos que hoxe en día aínda son excesivamente custosos”, destaca a concelleira de Xustiza Social e Coidados, Silvia Cameán, que indica que o proceso de adxudicación das bolsas tamén terá en conta “o ámbito da saúde”.

A titular de Xustiza Social, con competencias en materia de educación, salienta ademais que os cambios introducidos para o curso 2017-2018 foron acadados “en consenso coas educadoras de todos os centros”. “O que fixemos foi articular os cambios en base á participación e opinión de todas as técnicas implicadas directa e indirectamente neste recurso. Cremos que ese é o xeito de actuar”, destacou.

Máis poboación beneficiada

En concreto, no cálculo de puntos para poder optar ás bolsas comedor terase en conta de maneira principal a situación económica das familias solicitantes, repartíndose 10 puntos por este motivo (no que os 10 son para as rendas per capita de menos de 3.000 euros anuais e 0, para as de máis de 6.000 euros). A titular de Xustiza Social indica ademais que o teito económico creceu de 4.500 a 6.000 euros, de acordo cos indicadores do IPREM, de forma que “máis persoas poderán beneficiarse das bolsas comedor). Non obstante, á marxe dos criterios económicos, tamén se terá en conta a situación laboral das e dos proxenitores valorándose o feito de que ambos traballen e a incompatibilidade horaria, así como a situación social (monoparentalidade, familias numerosas, familias que sufriron situación de violencia de xénero) e, como se explicou, a situación de saúde, valorándose o feito de que o alumnado teña intolerancia alimentaria.

Na busca de facilitar os trámites para a cidadanía, as persoas que o desexen poderán solicitar a concesión das bolsas comedor ben vía electrónica ou en papel, figurando as bases colgadas, logo da súa aprobación, na páxina web municipal ( http://www.edu.coruna.es/ga/ ). Na citada solicitude as persoas xa poden autorizar á administración local á consulta dos seus datos de forma que todo o procedemento se axilice.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...