Home » coruna » Currently Reading:

O Goberno local establecerá este domingo pola mañá un dispositivo especial de tráfico pola celebración da Carreira contra o Cancro

junio 3, 2017 coruna No Comments

A Concellería de Mobilidade Sostible establecerá este domingo, 4 de xuño, un dispositivo especial de tráfico con motivo da celebración da cuarta edición da Carreira popular contra o cancro, unha iniciativa solidaria que conta coa colaboración do Concello da Coruña e cuxos beneficios destinaranse á investigación e aos programas que realiza a xunta provincial da Coruña da Asociación Española contra o Cancro. A carreira terá distintas modalidades segundo as idades e condicións das e dos participantes, e celebrarase entre as 10.30 e as 13.00 horas nun circuíto urbano. No caso da categoría absoluta, o trazado de 6.450 metros terá a saída no Obelisco e percorrerá a avenida da Mariña, o Parrote e o Paseo Marítimo até a altura do Club do Mar de San Amaro. Ademais destas carreiras, terá lugar unha marcha solidaria, aberta a todas as idades e condicións físicas, cuxo circuíto de 1.850 metros percorrerá a avenida da Mariña e o Parrote.

Así, o dispositivo de tráfico provocará cortes nos Cantóns desde as 08.30 horas do domingo. Para o desenvolvemento da proba, cambiarase o sentido de rúa Santa Catalina cara a San Andrés, suprimirase o xiro cara á rúa Nova, e o tráfico da avenida de Montoto desviarase cara a Ambrosio Feijóo e avenida do Porto. Tamén nos Cantóns, a partir das 10.00 horas e até as 14.30 horas desde praza de Mina ata Ambrosio Feijóo, producirase un corte total da circulación do tráfico. Na afección do Paseo da Dársena, desviarase o tráfico en sentido saída da cidade cara ao Paseo Marítimo e túnel do Parrote até as 11.45 horas, momento no que se recuperará a circulación –no sentido saída da cidade– para o transporte público, polo paseo da Dársena, avenida de Montoto, Ambrosio Feijóo e avenida do Porto.

No caso do Paseo Marítimo, producirase outro corte total ao tráfico desde o Castelo de San Antón até a glorieta de Adormideras –que estará operativa durante a proba– entre as 10.00 e as 11.30 horas, espazo de tempo no que non estará permitido desaparcar vehículos. Neste treito do circuíto, manterase un carril con tráfico alternativo desde o túnel do Parrote cara a Maestranza; e outro desde a glorieta das Ánimas até o Oceanográfico. Ademais, cortarase tamén a rúa Veramar, e o tráfico desviarase por Orillamar e a avenida do Metrosidero.

Liñas de transporte público urbano

En relación ao transporte público urbano, as liñas 1, 1A, 2, 2A, 5, 17, 23 e 23A, desde Praza de Ourense, desviaranse cara á avenida do Porto, túnel de María Pita e Praza das Atochas. Desde alí as liñas 5 e 17 continuarán polo seu itinerario habitual. As liñas 1, 1A, 2, 2A, 23 e 23A circularán por Metrosidero, Maestranza e Abente y Lago facendo parada na Praza das Ánimas e continuando polo túnel do Parrote cara á avenida do Porto e Praza de Ourense, onde recuperarán a súa ruta.

A proba tamén afectará ás liñas 3, 3A e 7. As liñas 3 e 7, desde praza de Pontevedra, continuarán por San Andrés, rúa Alta, Paseo Marítimo, Hospital, Campo da Leña, Baltasar Pardal e Orillamar, onde retomarán o seu itinerario. Finalmente, a liña 3A, desde o Abente y Lago, circulará cara ao túnel do Parrote, avenida do Porto, Praza de Ourense e Juana de Vega, incorporándose na Praza de Pontevedra á súa ruta.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...