Home » coruna » Currently Reading:

O Goberno local impulsa a creación do carril bici metropolitano, que unirá A Coruña con Arteixo, Oleiros, Cambre e Culleredo ao dar luz verde ao convenio que asinará coa Deputación

junio 2, 2017 coruna No Comments

O Goberno local dará esta semana un novo paso para impulsar a creación do carril bus metropolitano, que conectará os itinerarios ciclistas da Coruña, con Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros. Está previsto que o Executivo municipal formalice mañá, venres, na Xunta do Goberno local o convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación que posibilitará dar luz verde a este proxecto. A aprobación posibilitará a posterior firma oficial do acordo entre o alcalde, Xulio Ferreiro, e o presidente do ente provincial. A licitación por parte do Concello do proxecto recollido no convenio terá que ser publicitado, segundo a lexislación vixente, no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE). O concelleiro de Mobilidade Sostible, Daniel Díaz Grandío, destacou que a formalización do convenio “é un paso de vital importancia de cara a avanzar nas políticas de mobilidade branda postas en marcha por este Goberno local”. “Apostamos por outras formas de mobilidade, menos contaminantes, máis sostibles e que axuden a sacar vehículos privados do centro da cidade. O proxecto deste carril bici é ademais estratéxico pola súa compoñente de actuación que transcende o ámbito da Coruña e integra aos concello da Área Metropolitana. Non só está dirixido a favorecer o ocio saudable da cidadanía, senón que pode converterse nunha alternativa”, indicou o responsable municipal.

O orzamento de execución das obras recollido no proxecto que figura no convenio está estimado en 1.490.857,27 euros, dos cales o Concello da Coruña achegará 330.271,27 euros, máis do 22% do total, dos que a parte correspondente a esta anualidade terán cargo aos investimentos previstos no plan de orzamentos para 2017. Unha vez que as obras teñan pasado o período de licitación e sexan adxudicadas, o proxecto estima o seu prazo de execución en seis meses. Como se recolle no documento, as actuacións previstas teñen como obxecto “xerar un itinerario ciclista que, unido coas conexións xa existentes na cidade neste momento, conecten a Cala de Bens coa Ponte Pasaxe, percorrendo todo o litoral municipal”. En concreto, os tramos de actuación irán da Avenida da Mariña á Delegación do Goberno (tramo de 800 metros de percorrido que pasará por Cantón Grande e Pequeno, Sánchez Bregua e o inicio de Linares Rivas); da Delegación do Goberno ao Parque de San Diego (1.525 metros de percorrido que discorrerían por Praza de Ourense, Linares Rivas, intersección con Ramón y Cajal e AC-12 até o inicio do Parque de San Diego); e Parque de San Diego a Ponte da Pasaxe (cun tramo de 3.000 metros de percorrido dende Oza, pasando pola AC-12, Xubias de Arriba e a AC-12 até a Pasaxe).

Díaz Grandío recorda que “este é un proxecto moi importante no que atinxe ao impulso do uso da bicicleta, pero dende logo non é o único”, xa que o Goberno local tamén proxecta ampliar a rede ciclable da cidade, así como apostar pola implementación da bicicleta eléctrica. Todo isto, logo de que recentemente o parque de bicicletas municipais veña de ser ampliado e mellorado.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...