Home » coruna » Currently Reading:

O goberno local inicia hoxe as obras de construción do carril bici na avenida Salgado Torres, “que conlevarán a mellora da seguridade peonil no túnel e na súa contorna”

marzo 14, 2018 coruna No Comments

O Concello da Coruña iniciará hoxe, mércores 14, as actuacións vinculadas á construción do carril bici na avenida Salgado Torres, especificamente, na contorna e no interior do propio túnel situado entre a rúa Ramón y Cajal e a glorieta de desvío á rúa Xeral Rubín. Serán traballos de execución dos itinerarios específicos ciclistas e peonís, aos que o Concello destinará 146.318,25 euros e que, ademais, estarán acompañados da mellora dos servizos da infraestrutura. O proxecto do goberno local suporá a disposición do carril-bici en ambos sentidos na avenida, que contará con novas beirarrúas nas beiravías que transcorren entre a glorieta de Xeral Rubín e a boca do túnel. O edil de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, destaca, en relación a este traxecto, que é de “uso habitual para peóns” e apunta que non fora acondicionado para o tránsito a pé “nos case 49 anos que leva aberta a vía”. “Durante máis de catro décadas a veciñanza tivo que compartir, practicamente, espazo co tráfico rodado nunha calzada que non garantía a súa seguridade”, censura o edil, quen salienta que as obras tamén conlevarán a modernización da rede de pluviais e semafórica da zona, “o que tamén atende unha demanda cidadá reclamada desde hai moito tempo”. Así, o goberno local procederá a construción dun paso de peóns semaforizado que cruzará Salgado Torres nas proximidades da glorieta construída no ano 2015, “unha medida que favorecerá e garantirá a seguridade peonil”, asevera.

Durante estas actuacións, o Concello tamén procederá á renovación e mellora da eficiencia do alumeado do interior do túnel, nunha intervención na que investirá un total de 166.115,96 euros. A nova iluminación contará cun novo tipo de luminarias e diferente posición e orientación dos proxectores, atendendo ás necesidades da mobilidade ciclista e peonil, “favorecendo tamén a sensación de seguridade destes dous colectivos de persoas usuarias”, segundo apunta o concelleiro. “A nova solución de disposición considera o trazado do carril bici polo interior do túnel, entendendo a centralidade que agora adoitarán peóns e ciclistas na gradación lumínica destes espazos”, expón Varela.

Co gallo destas actuacións en Salgado Torres, que se iniciarán mañá, cortarase totalmente o tráfico do túnel no tubo de sentido de entrada á cidade. Habilitarase un paso a través da mediana para o desvío dese tráfico polo tubo do túnel habitualmente empregado polo sentido de saída. Deste xeito, utilizarase un carril do tubo para cada sentido de circulación, quedando o outro despexado para o desenvolvemento dos traballos. Iso suporá tamén o corte do tránsito peonil e o de estacionamento no sentido entrada á cidade –no lateral da Estación de Autobuses–. Unha vez que rematen as obras no tubo adoitarase o mesmo procedemento de desvío para poder inicialas no seu xemelgo. Os traballos teñen unha duración prevista de, aproximadamente, un mes.

Comment on this Article:







*