Home » coruna » Currently Reading:

O goberno local iniciará nas vindeiras semanas a renovación do contrato de recollida de residuos, “para mellorar a súa xestión e adaptalo ás necesidades e dimensións actuais da cidade”

noviembre 6, 2017 coruna No Comments

O goberno local da Coruña lanzará, nas vindeiras semanas, unha consulta pública para a renovación dos pregos do actual contrato de recollida de residuos. A medida responde, segundo sinala a concelleira de Medio Ambiente, María García, “á relevancia dun asunto crucial tanto para o Concello como para a súa veciñanza”, e cuxo contrato actual data de xaneiro de 1967, “o que dificulta a fiscalización e control do mesmo”. “Estamos a falar dun convenio moi antigo polo que se guía un servizo público esencial que afecta a toda a cidadanía, pero que, ademais, é de moita relevancia para a Administración local, tanto polo seu importe, que supera actualmente os 12 millóns de euros anuais, como polo persoal traballador que engloba, xa que con máis de 180 persoas”, sinala a edil. “A Coruña precisa un novo modelo de xestión de residuos que responda ás necesidades e dimensións actuais do municipio, e que teña en conta a nova realidade dunha cidade que desexa ser máis sostible. Por iso e, debido á súa transcendencia, o goberno local considera necesario apostar pola innovación democrática, a transparencia na contratación pública e o fomento da participación para afrontar este desafío para a cidade”, destaca García, que lembra que o seu departamento leva meses traballando no procedemento de renovación do actual convenio, “que contará”, engade a titular da área de Medio Ambiente, “na liña doutras licitacións impulsadas por este goberno, con cláusulas sociais que garantan as condicións laborais do cadro de persoal”.

A actualización do contrato contará, deste modo, cun proceso pioneiro no Estado que o goberno coruñés porá en marcha por primeira vez en Galicia. “Trátase dunha consulta aberta que se recolle na directiva europea 2014/24 sobre Contratación Pública”, explica García, e que implica o acceso –antes de iniciar o proceso de licitación– ao borrador dos pregos que o executivo municipal presentará “a todos os axentes implicados no servizo”, como son sindicatos, profesionais e empresas do sector “que teñen o coñecemento das últimas innovacións tecnolóxicas e metodoloxías que se poden aplicar no desenvolvemento do seu traballo”, de modo que estes poidan facer as súas achegas, tanto desde o aspecto laboral como tecnolóxico, “a unha documentación técnica de enorme complexidade”. “Abrir este proceso permitirá enriquecer os novos pregos do contrato de recollida de residuos que propoña o Concello, co obxectivo de prever e atallar posibles situacións, tanto de índole laboral ou técnica, e garantir unha xestión máis sostible e a estabilidade do cadro de persoal da concesionaria ”, di a edil.

“O goberno local leva meses traballando na súa proposta do novo contrato de recollida do lixo, pois entende a situación non só como un reto, senón como unha oportunidade histórica para encarar unha xestión máis sostible dos residuos na cidade, así como para acadar unha maior implicación da veciñanza para a redución dos mesmos e, á vez, aumentar a taxa de reciclaxe no municipio”, expón a María García, que, a este respecto, lembra que “A Coruña está por diante da media galega e estatal na reciclaxe de envases de papel e cartón”. Neste sentido, a concelleira destaca que o goberno local introducirá metodoloxías concretas de cara a mellora do funcionamento do servizo nas zonas de maior densidade de poboación ou “para os grandes produtores de residuos”, como os sectores de comercio ou hostalería, ademais da optimización das rutas de recollida. Realizarase tamén unha renovación total da conteneurización no municipio, así como da maior parte da flota de camións de recollida –parte dos actuais pasarán á reserva–, e farase especial fincapé en criterios ambientais. Así, o novo contrato atenderá as demandas da veciñanza e revisarase o uso de camións e prácticas do baleirado, “co obxectivo de reducir considerablemente o ruído e compatibilizar a posta en marcha e uso do servizo co descanso veciñal”, sinala a responsable municipal, ademais de incorporar medidas de eficiencia e aforro enerxético e de compostaxe.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...