Home » coruna » Currently Reading:

O goberno local levará a Pleno o vindeiro 29 de decembro “un proxecto de orzamentos municipais para 2018 moi ambicioso e baseado no impulso á cidade”

diciembre 20, 2017 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manifestou a intención do goberno local de levar a Pleno o vindeiro venres 29 de decembro o proxecto de orzamentos municipais para 2018, “un presuposto ambicioso, expansivo e de impulso á cidade”. A preguntas dos medios de comunicación, o rexedor indicou que “mentres que a Xunta de Galicia presenta unhas contas que esquecen á cidade, baixan con respecto ao ano pasado no global de gasto e só crecen un 2,9% no gasto financeiro, o Concello fai todo o contrario”. Así, o primeiro edil recordou que o orzamento municipal para o vindeiro exercicio se incrementa con respecto ao anterior, un 3,1% no global do gasto e un 3,5% no gasto non financeiro. “Estamos a falar dun grande esforzo inversor, xa que vai ser o maior orzamento da década en ano non electoral, de case 247 millóns de euros”, adiantou. “Cremos que son os orzamentos que a cidade necesita, unhas contas que realizan ambiciosos investimentos directos, e que tamén fan achegas de capital a empresas públicas e que iniciarán a implantación dos proxectos vinculados aos fondos europeos do plan DUSI, con actuacións por valor de 6,8 millóns de euros”, salientou.

No que atinxe aos tempos de elaboración do proxecto orzamentario, Ferreiro destacou que o grupo de goberno “tardou só 24 horas en incorporar ao mesmo as últimas achegas realizadas polo PSOE, que foron remitidas o pasado domingo pola noite e ás que houbo que buscar encaixe”. “O propio luns pechamos xa as cantidades con eles e, neste momento, xa teñen as contas”, reiterou o mandatario, que explicou que “a partir de aí, o traballo administrativo ten uns tempos e implica, aproximadamente, unha semana”. “A nosa intención é que a semana que vén, antes de acabar o ano, os orzamentos vaian a Pleno. O PSOE pediu 48 horas para chequear que as cousas están tal e como acordamos, que o están. Agora comprobarán eses axustes e espero que contemos co seu visto bó no prazo marcado, de forma que poidamos convocar a Xunta de Goberno local esta semana e o Pleno a vindeira”, comentou.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...