Home » Uncategorised » Currently Reading:

O goberno local levará a Pleno unha redución do 12,7% nas tarifas da Escola Municipal de Música para o vindeiro curso “no empeño por facilitar o seu uso por parte da cidadanía”

enero 24, 2018 Uncategorised No Comments

O goberno local levará a Pleno unha reducción do 12,7% nas tarifas da Escola Municipal de Música para o próximo curso, no que a intención do executivo municipal é que tampouco se fagan disticións á hora de aboar as tarifas en función do lugar de residencia do alumnado. O executivo prevé aprobar na próxima Xunta de Goberno unha modificación da ordenanza fiscal no 16 que regula as taxas de prestación de servizos nos museos e outras instalacións culturais do Concello “no empeño por facilitar o seu uso por parte da cidadanía”, e tendo en conta que a cuestión da residencia “non é un criterio xuridicamente asumible para establecer importes diferentes”. Con esta modificación da ordenanza regularase tamén a tarxeta turística Coruña Card, co fin de mellorar o seu uso. Á vez, a reunión do grupo de goberno tamén dará luz verde á modificación da ordenanza fiscal no 44, que regula os prezos públicos ligados ao uso de instalacións de titularidade municipal vinculadas ao IMCE. Non obstante, tal e como recorda a titular de Facenda, Eugenia Vieito, “para poder aplicarse, estas modificacións deben ser ratificadas polo Pleno municipal”. A intención do executivo é que estas variacións nas ordenanzas, unha vez aprobadas pola Xunta de Goberno Local este venres, pasen pola Comisión de Facenda, e sexan referendadas pola Cámara municipal na sesión que terá lugar o vindeiro 5 de febreiro. “Esperamos que non haxa problemas para sacar adiante estas modificacións xa que o que plantexamos son medidas que facilitan e democratizan o uso das instalacións públicas e que, ademais, teñen unha marcada perspectiva metropolitana, tendo en conta que, hoxe en día, a cidade da Coruña xa non acaba na Ponte Pasaxe”, incidiu. “A modificación da ordenanza fiscal no 16, que facilita o acceso da poboación á Escola Municipal de Música, foi negociada co grupo municipal socialista, e facilita o obxectivo de levar a cabo, de novo, unha serie de modificacións nas ordenanzas baseadas en principios de democratización do uso das instalacións públicas”, dixo Vieito.

Actualización de taxas

A revisión das tarifas da Escola Municipal de Música que propón a Concellería de Culturas, Deporte e Coñecemento, dirixida por José Manuel Sande, supón unha equiparación dos precios para todo o alumnado, sen distinción por lugar de residencia, e tradúcese nunha redución de 9,48 euros no prezo da matrícula anual para os alumnos e as alumnas empadroadas na cidade e de 24,61 euros para os non residentes no termo municipal. A redución está prevista tamén para o resto de tarifas do centro, como as taxas mensuais de ensinanza, os talleres semanais ou polo uso das cabinas e as aulas da escola.

De cara a facilitar o acceso por parte da poboación a este equipamento, o Concello asumirá o custo da actualización anual das taxas, o que se traducirá nun aumento do importe que anualmente destina á Escola de Música até os 364.673,30 euros, unha cantidade estimada co número de alumnos actual e que contempla tamén un posible aumento salarial do 2% para o persoal público, decisión que, non obstante, depende do Goberno do Estado.

Por outro lado, e dentro da ordenanza reguladora no 16, o goberno local tamén propón a implementación de cambios na tarxeta turística Coruña Card de cara a racionalizar e regular o seu uso. Desta forma, a tarxeta turística permitirá durante o seu período de vixencia acceder nunha ocasión á Casa das Ciencias, ao Planetario dixital, á Casa do Home (Domus) e Magnavisión (3D ou non) e o Aquarium Finisterrae.

O goberno local tamén dará luz verde este venres á modificación da ordenanza fiscal número 44, que regula o prezo público polo uso de espazos xestionadas polo IMCE, como son o Fórum Metropolitano, o Ágora, o Coliseum e o teatro Rosalía de Castro. Os cambios permitirán “simplificar e axilizar” a cesión dos recintos para as entidades que organizan actividades, especialmente aquelas de “tipo cultural ou benéfico con carácter gratuíto”. A proposta de modificación da ordenanza, que tamén deberá ser ratificada polo Pleno, recolle o acordado polo consello reitor do IMCE o pasado 29 de decembro de 2017.

Facilidade no uso de espazos municipais

Entre outras cuestións, o goberno local aposta por racionalizar o custo do uso das cabinas de ensaio, polo que se propón un estabelecemento de tarifas en función do número de horas de uso por trimestre con tres tramos de 24, 48 e 72 horas por trimestre. “Desta forma, facilitamos o acceso a este servizo, que, na actualidade, réxese por un importe fixo por hora de 4,88 euros”, destaca o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande. Do mesmo xeito, tamén se incluirá un novo tramo de tarificación no uso de microfonía inalámbrica.

Por outro lado, e no que atinxe ao uso de espazos públicos para actos de carácter privado, esta modificación da ordenanza tamén introduce cambios no que atinxe á forma de cobro, que pasaría a realizarse (no caso de contar co apoio do Pleno) vía depósito no momento de solicitude da actividade.

Comment on this Article:







*

A %d blogueros les gusta esto: