Home » coruna » Currently Reading:

O goberno local mellora e amplía os servizos da Escola Intercultural cun novo contrato que triplica o investimento actual e actúa no ámbito escolar, familiar e comunitario

agosto 9, 2018 coruna No Comments

A Xunta de goberno local deste venres dará luz verde ao procedemento aberto que derivará no novo contrato polo que se xestionará a Escola Intercultural, un servizo municipal que ten como obxectivo desenvolver actividades de dinamización socioeducativa, así como fomentar a adquisición de competencias sociais, culturais e lingüísticas entre a poboación migrante da Coruña. A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, manifesta que esta acción “entronca con todas as políticas postas en marcha polo goberno local para transformar A Coruña na Cidade Acolledora que é”. “Para conformar unha sociedade realmente plural e integradora debemos seguir, na medida do posible, ampliando os nosos servizos. O novo contrato para a Escola Intercultural, dunha duración de catro anos prorrogable a un máis, pasa de 35.000 a preto de 103.000 euros anuais”, indica. O incremento posibilitará que as actuacións coa comunidade migrante se desenvolvan en tres ámbitos: o escolar, o familiar e o comunitario. “O que pretendemos é que a Escola Intercultural actúe nestes tres espazos, estreitamente interrelacionados, para poder ofrecer unha atención integral”, sinala a responsable municipal, que explica que a coordinación tanto coas administracións públicas como coas entidades sociais da cidade que levan a cabo programas e recursos dirixidos á poboación migrante é outro dos requisitos marcados neste novo contrato.

Así, entre as melloras que se prevén na Escola Intercultural e que xustifican o aumento inversor, salienta o incremento de número de horas de atención docente. Desta forma, as horas lectivas que se ofrecen a menores da comunidade migrante pasarán das 1.600 actuais a preto de 3.000. “Co actual contrato podíanse atender até un máximo de 48 cativas, agora poderemos ofrecer estes recursos educativos a 72 menores”, indica Fraga.

O novo contrato tamén incluirá como obrigatorio a realizaron de 30 talleres naqueles colexios e institutos onde estudan os e as menores que acoden á Escola Intercultural. “A finalidade destes talleres é traballar as relacións do alumnado estranxeiro e á poboación de acollida, de forma que se visibilice e sensibilice sobre a diversidade cultural que existe nos nosos centros educativos”, comenta a titular de Diversidade. Estes talleres, de 90 minutos de duración e que inclúen traballo específico co profesorado, buscan tanto empoderar ao alumnado migrante, como intercambiar experiencias culturais e favorecer e ampliar o coñecemento sobre as diferentes culturas e tradicións. Ademais, tamén se incluirá o novo servizo dos Venres Alternativos, para ofrecer actividades nestas xornadas, así como unha Escola de Verán, de forma que o traballo cos e coas menores teña carácter intensivo e non se abandone durante as etapas non lectivas.

“Incluímos ademais outras novidades, xa que a intención do goberno local tamén é sufragar saídas e incluso unha excursión de fin de curso, así como elaborar información e dípticos que se envíen a todos os centros educativos ao inicio do curso escolar, a fin de que toda a comunidade migrante sexa consciente dos recursos da Escola Intercultural”, indica a edila.

Os pregos do contrato, cuxo procedemento será aprobado este venres, tamén recollen a figura das auxiliares de idiomas. “A pretensión municipal é que os e as usuarias da Escola Intercultural, así como as súas familias, conten con intérpretes que as axuden a comunicarse tanto cos servizos sociais, no caso de precisalos, como co propio persoal. O obxectivo, ademais, é contratar a persoas migrantes para esta tarefa”, di Fraga, quen engade que o contrato especifica, ademais, a necesidade de habilitar un local propio que, como mínimo, conte con dúas aulas para poder desenvolver as actividades da Escola.

Por último, a titular de Igualdade salienta que o incremento do investimento tamén veu dado pola necesidade de “realizar unha mellora substancial nas condicións salariais das persoas traballadoras”.

Comment on this Article:

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...