Home » coruna » Currently Reading:

O Goberno local pon en marcha o novo programa A Pé de Barrio, “un plan intensivo de mellora do espazo público que dará a volta á cidade cada ano para saldar unha débeda histórica coidando por igual as distintas zonas”

junio 7, 2017 coruna No Comments

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, xunto coas concelleiras de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, e de Medio Ambiente, María García, e o titular de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, presentou este martes no Campo de Marte o novo programa municipal A Pé de Barrio, “un plan intensivo de mellora do espazo público que busca saldar unha débeda histórica cos barrios da cidade, que son eses lugares de proximidade onde facemos a vida” e que se porá en marcha o vindeiro día 19 no distrito 10, que abrangue Monte Alto, Atochas, Cidade Vella, Orillamar, As Lagoas, Pelamios, Zalaeta, Orzán, Maestranza, Peixería, Durmideiras, A Torre e Agra de San Amaro. “O espazo público é a cidade común, o lugar que compartimos, onde convivimos e onde nos atopamos. Nesa cidade dos barrios, coidar o espazo público é esencial”, salientou Ferreiro, quen sinalou que o programa sumarase ao mantemento diario que se realiza a través da limpeza das beirarrúas e da reparación das calzadas, a recollida do lixo ou o mantemento do mobiliario urbano e dos parques e xardíns.

O programa “coordina e optimiza” os distintos servizos de Rexeneración Urbana e de Medio Ambiente, que van desde desde a limpeza viaria e o mantemento dos firmes, mantemento de contedores, retirada de herbas das beirarrúas, coidado de parques, xardíns e espazos biosaudables, limpeza e repintado de semáforos e de sinalización horizontal e pasos de peóns, e coidado do alumeado público ou as fontes ornamentais, entre outras. “Queremos construír unha cidade cun espazo público de calidade, e por iso lanzamos este programa, que dará a volta á cidade cada ano: 10 distritos en 12 meses, barrio a barrio e en igualdade de condicións, porque coidaremos por igual do barrio de Eirís e Monte Alto, que de Juan Flórez, e A Silva que a praza de Lugo”, indicou. Nese sentido sentido, o alcalde salientou a articulación do mapa de distritos “como instrumento de gobernanza e proximidade e de igualdade entre os barrios da cidade”.

Na mesma liña, a concelleira de Participación aludiu na presentación ao mapa de distritos no que se aplica A Pé de Barrio, “un marco de cara a poder garantir os dereitos de todos os veciños e veciñas en igualdade de condicións, e que tamén nos permite facer un reequilibrio de investimentos, para tratar de reverter esas desigualdades históricas que sufriron os barrios”. “A través deste programa tratamos de ir revertendo esas desigualdades, como tamén tratamos de facer a través dos Orzamentos Participativos”, comentou a responsable municipal, quen salientou do novo programa “a súa construción colectiva”, a través da escoita e o diálogo cos barrios e coa veciñanza. A este respecto, aludiu a todas as canles que o Concello ten abertas coa veciñanza –desde o 010 aos encontros ‘Dillo Ti’ e as xuntanzas periódicas co tecido asociativo, ou o proceso de Orzamentos Participativos–. “Fixemos e estamos a facer unha recollida de información coa que construír a diagnose que dará pé á planificiación da intervención de cada un dos distritos”, avanzou Delso, quen aludiu á recollida de información e suxestións que se seguirá facendo, a través do 010 e con xuntanzas como a que os concelleiros e concelleiras mantiveron esta mesma mañá con parte do tecido asociativo do Distrito 10. Nesa mesma liña, o alcalde subliñou que para a eficacia do programa “a acción municipal non é a única que importa, senón tamén a acción das veciñas e dos veciños” e chamou á implicación veciñal, “primeiro, no traslado de suxestións e observacións ao Concello, e tamén colaborando coas posibles incomodidades que supón realizar estas accións, que poden condicionar por uns días a vida no barrio” ou fan necesario retirar o vehículo da rúa para realizar un repintado ou unha limpeza. “Creo que paga a pena para que a cidade estea mellor coidada, para poder construír entre todos e todas esta cidade próxima”, destacou, indicando que, ademais, a veciñanza recibirá nas súas casas información por correo das datas das intervencións do barrio e as eventuais restricións de estacionamento.

Na presentación, o concelleiro de Rexeneración Urbana referiuse ás accións que se desenvolven desde a súa área que, como quixo destacar, fai unha “aposta forte no coidado do espazo público para dar resposta a unha serie de demandas nos barrios e reequilibrar o desleixo histórico”, a través de medidas como o aumento dos investimentos dos contratos, “que en Rexeneración urbana pasaron dos seis aos oito millóns de euros en dous anos”. En concreto, desde Rexeneración Urbana –que inclúe tamén as actuacións de mantemento na área de mobilidade– intervirase sobre os semáforos e centros de mando, a través da súa limpeza e repintado; marquesiñas de buses; revisión e limpeza da sinalización vertical dentro da zona ORA e repintado da horizontal e vertical da vía pública; melloras no alumeado –desde a rede eléctrica, cadros de mando, actuacións sobre puntos de luz e soportes varios–; fontes ornamentais, para a súa conservación e mantemento; túneles, escaleiras mecánicas e ascensores, así como en beirarrúas, firmes e espazo público, “un área na que hai un aumento de investimento importante, desde os 2,4 millóns aos 3,2 millóns do último contrato”. Actuarase tamén en firmes e calzadas, saneamento –con outro aumento relevante do investimento, desde os 600.00 a 1,5 millóns de euros no contrato– e, igualmente, nas áreas infantís, biosaudables e lúdicas.

Estas intervencións complementaranse coas que se impulsan desde a área de Medio Ambiente, tal e como apuntou María García, quen salientou as melloras do ornato público no que ten que ver con limpeza, xestión de residuos e parques e xardíns, ademais doutras moitas tarefas que teñen que ver coa calidade de estancia no espazo público: desde garantir a limpeza viaria con auga en todos os barrios da cidade, o mantemento e limpeza de contedores, retirada de pintadas e chicles, limpeza intensiva de puntos negros xa censados por toda a cidade, retirada de herbas das rúas (con métodos mecánicos, despois da retirada dos herbicidas tóxicos do manexo diario), reposición e reparación de contedores e papeleiras, reparación de suxeita-contedores e todo o relativo ao control de pragas e desratización, ademais da reparación e substitución do mobiliario urbano e do incremento do arborado, “unha liña prioritaria para este Goberno local”. Ao fío, García recalcou o “reto que supón atender a tres frontes importantes como é o mantemento diario da cidade a través dos traballos que van continuar no día a día, o dispositivo deste novo programa que é A Pé de Barrio e a renovación de todos os contratos que estamos desenvolvendo desde Medio Ambiente, procesos que están en reformulación para repensar o mantemento e conservación dos barrios, unha cuestión prioritaria para este Goberno”.

Comment on this Article:







*

ENCUESTA SEMANAL

¿Te gusta la nueva web?

Cargando ... Cargando ...